SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Jul. (EUROPA PRESS) -
Un total de 25 nucleos do rural de Santiago de Compostela contarán con servizo de saneamento integral de augas, grazas ao protocolo asinado polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, e polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, garante un investimento de 12 millóns de euros ata 2009.
Sánchez Bugallo e Manuel Vázquez, acompañados por outros responsables municipais e da consellería e das asociacións vecinais do rural, explicaron hoxe o contido desta nova colaboración orientada a lograr que no 2009 o 90% do rural compostelán teña garantizado o servizo de saneamento de augas
O protocolo de colaboración foi tamén polo presidente e polo director de Augas de Galicia, Jorge Antonio Santiso e José Luis Romero, respectivamente. Por este acordo, as obras previstas, serán financiadas nun 70% con cargo aos orzamentos de Augas de Galicia, dependente da Consellería, e nun 30% con cargo aos orzamentos do Concello de Santiago.
A Consellería de Medio Ambiente, tal e como se recolle no protocolo asinado hoxe, licitará, adxudicará e xestionará todas as obras previstas ao longo do período 2006-2009. Con este acordo búscase correxir dun xeito estructural as carencias en materia de saneamento que sofren os principais concellos galegos nos seus ámbitos rurais.
NÚCLEOS BENEFICIADOS
As actuacións obxecto do protocolo corresponden coa dotación do servizo de saneamento a un total de 25 núcleos, se ben a lista de obras incrementarase o longo do desenvolvemento do protocolo en función das prioridades sinaladas polo propio concello. Segundo indicou Sánchez Bugallo, elixirase o sistema de saneamento en función das caracteristicas de cada zona.
Os núcleos obxecto de mellora son Grixoa (Marzo de arriba), Grixoa II (San Xoán de Fecha), Bargo, Peregrina, Aradas, Roxido, Lamascal, Fontoade, Camouzo, Miramontes, Lavacolla, Arines Marrozos, Barciela, Marantes, Nemenzo I, Nemenzo II, Cesar, San Xoán de Fecha, Busto, Sionlla, Berdía, Santa Cristina de Fecha, Enfesta, Reboredo e Carballal.
Ademais das obras mencionadas, o protocolo recolle todas aquelas actuacións complementarias necesarias para facer efectiva a execución das obras, é dicir, os proxectos, direccións de obra, asistencias técnicas así como as expropiacións de bens e dereitos que sexa preciso realizar.
O conselleiro de Medio Ambiente puxo a Santiago de Compostela como "exemplo e modelo" do que deben facer os concellos galegos en materia de infraestructuras hidráulicas, xa que a administración local promove o saneamento integral de todo o municipio e colabora coa conselleria pero tamén aporta fondos propios
OUTROS INVESTIMENTOS
Segundo resaltou hoxe a Xunta, o protocolo asinado hoxe eleva a máis de 20 millóns de euros os investimentos que a Consellería de Medio Ambiente está a realizar na cidade compostelá. En materia de augas, o departamento autonómico está a executar obras de mellora no Tambre, mediante a construcción dunha Estación de Tratamento de Auga Potable (Etap), e na conca do Aríns, na que se afronta a dotación de colectores e dun Estación de Augas Residuais. Ambos proxectos suman un orzamento de 6,4 millóns de euros.
Así mesmo, a través da dirección xeral de Conservación da Natureza estase a realizar un investimento de 300.000 euros na mellora das instalacións do centro de recollida de animais. Por último, o departamento de Calidade e Avaliación Ambiental está a levar a cabo actuacións que rondan os 2 millóns de euros, como son o selado do vertedoiro de Piñor e a construcción dun punto limpo, así como a instalación de catro illotes de contedores soterrados.