A Mesa anima aos nenos a empregar o galego nas cartas ós Reis Magos e distribúe misivas e tarxetas para os agasallos

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 4 enero 2006 21:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA 4 Ene. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística asinou un convenio de colaboración con varios concellos co que se pretende desenvolver as campañas 'Carta aos Reis Magos' e 'Cos meus mellores desexos', que teñen por obxectivo animar ao uso normal do galego nestas festas.

Na presentación deste acordo ante os medios de comunicación, a Mesa recordó que estas iniciativas aspiran a intervir directamente na infancia, xa que o consideran o sector de poboación no que é máis necesario afianzar o uso da lingua.

Na singular presentación, o rei Baltasar exerceu como portavoz dos tres soberanos e animou aos nenos a que lle escriban as súas cartas en galego, recordando que tanto el como Melchor e Gaspar "entenden todas as linguas". O respecto, Baltasar declarou que as linguas son "unha riqueza e os galegos teñen un verdadeiro tesouro na súa". Por iso, indicou que se debe "desactivar o prexuízo, aínda tan arraigado, que fai crer a moita xente que hai cousas que non se poden ou non se deben facer na lingua de Galicia, cando en galego se pode facer de todo".

Para facilitar o proceso de redacción da carta en galego, os concellos de Redondela, Mos, Poio, Oleiros e Carnota colaboraron coa Mesa cun modelo de misiva con parte do texto fixo en galego, cun material que ten a dupla función de carta e sobre, para que se poida depositar directamente nas caixas de correo.

Ademais, en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela, O Carballiño, Arteixo, Ames, Carballo, Redondela, O Porriño e Carnota, editáronse un total de 520.000 etiquetas para os presentes dos Reis Magos, cos lemas 'Cos mellores desexos' e 'Este agasallo é para... Cos meus mellores desexos'.

Con esta iniciativa, achéganse directamente aos comercios uns materiais en galego que non ofrece o mercado. Estas etiquetas teñen unha moi boa acollida tanto entre os comerciantes como entre os seus clientes.

Contenido patrocinado