A Mesa empraza ao bipartito a cumprir coa galeguización do ensino á que se comprometeu no acordo de Goberno

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 28 abril 2006 14:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse hoxe por carta ás direccións de PSdeG e BNG para emprazalos a que fagan cumprir o acordo de goberno do bipartito no referido á galeguización do ensino.

Na misiva, Caion recordou que o pacto da coalición galega foi recibido "con esperanza" por moitos cidadáns, que "viron por fin unha nova política lingüística para o país que podería colocar o galego no lugar que lle corresponde".

Neste senso, recordou que o acordo sinala, entre outras cousas, que o Goberno galego se compromete "activamente coa efectiva e inmediata aplicación das medidas de galeguización do ensino recollidas no Plan de Normalización Lingüística aprobado unanimente polo Parlamento galego en setembro de 2004."

Nembargantes, a Mesa asegurou que "en todos estes meses de novo Goberno non se puido ver tal aplicación efectiva ou inmediata", ao punto de advertir que no foi "nin ao menos parcial ou progresiva". "Simplemente, non se deu ningún paso real para introducir de verdade o galego na docencia", denunciou.

Ademais, advertiu de que en outubro, ao pouco de comezar o ano escolar, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, comprometeuse a aplicar o Plan Xeral para o curso 2006-2007, entendendo que o presente debería ser de transición cara ás novas medidas; pese o cal "agora, a mesma conselleira desdise e sinala que a aplicación efectiva e inmediata será no curso 2007-08".

DESENCANTO

"Con profunda mágoa e desencanto, constatamos que o actual non foi un curso de transición, senón outro curso máis perdido para o galego, engadiu Callón, quen asegurou tamén que "de pouco consolo serve neste contexto que a Consellaría de Educación anuncie un propagandístico e improvisado proxecto piloto para implantar o ensino en galego nun máximo de 10 unidades de infantil en toda Galiza, cando no país hai arredor de 1.200 centros de ensino que ofertan educación infantil".

Nesta liña, criticou que, "aínda por riba, este proxecto piloto se formule de xeito que nin tan sequera se garante que a hipotética demanda de pais e nais se poida respectar, posto que a decisión ten que ser tomada nun consello escolar".

Con todo, o presidente da Mesa considerou que, nestes momentos, "aínda se está a tempo de reconducir a situación", se o Goberno promulga un decreto de galeguización do ensino que cumpra o asinado no acordo bipartito, para que poida ser de aplicación para o curso próximo.

Por iso, a Mesa pola Normalización Lingüística solicitou ao Gobierno que "faga todo o posíble" para que se cumpra o "contrato de goberno" asinado por PSdeG e BNG, por canto "o presente e o futuro do galego dependen diso".

Contenido patrocinado