A Mesa entrega á conselleira de Educación calabazas para simbolizar o seu "suspenso" na aplicación do galego no ensino

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 20 junio 2006 16:58

SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Mesa pola Normalización Lingüística manifestou hoxe o seu descontento coa política lingüística que está a pór en práctica a Consellería de Educación e quixo simbolizar o que califican como "suspenso" coa entrega de oito calabazas no Rexistro Xeral do departamento, destinadas á súa titular, Laura Sánchez Piñón.

Despois de rexistra-las froitas, unha das representantes do órgano de defensa do galego, Susana Romero, explicou que entenden que Educación "incumpriu" tódolos compromisos en relación ó uso da lingua autóctona nos centros de ensino, asumidos no acordo de goberno suscrito por PSdeG e BNG tralas eleccións autonómicas do 19 de xuño de 2005.

Así, Romero indicou que a consellería "merece un cero" na aplicación do Plan de Normalización Lingüística, así como no cumprimento das recomendacións do Consello de Europa sobre a galeguización do ensino. A voceira da Mesa sinalou que nestes meses de Goberno "non houbo una aplicación efectiva e inmediata" do citado plano, tal e como rezaba o pacto entre nacionalistas e socialistas.

Non obstante, dende a mesa ofrecen á consellería a posibilidade de aprobar "na repesca" se de aquí a setembro envían a tódolos centros de ensino as instruccións para garantir un cumprimento mínimo do Plan Xeral. Aínda así, recoñeceu que non son "moi optimistas" con respecto a esta posibilidade.

Así mesmo, Romero fixo fincapé na necesidade de "non perder nin un galegofalante máis no ensino" e lamentou que "sempre teña que ser a sociedade a que vele polo cumprimento da legalidade".

Contenido patrocinado