SANTIAGO DE COMPOSTELA 11 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Presidente da Mesa pola Normalización da Língua, Carlos Callón, exíxiulle hoxe á Xunta que "estenda" o uso do galego na telefonía móbil e considerou unha "mágoa" que a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, "no sexa capaz de ir máis alá do conseguido por un grupo de adolescentes".
Nun comunicado, a Mesa instou á Xunta a negociar con MoviStar, Vodafone e Amena, e traballar con aquela operadora que dea opción de galego en todos os seus servizos. "Estraña o triunfalismo de Marisol López, cando Movistar non ofrece servizo de atención en galego aos seus clientes con contrato", sinalou.
Así, criticou a presentación onte, por parte da Secretaria Xeral de Política Lingüística duns terminais de Grundig para Movistar que teñen a opción de menú en galego. Así, criticou que a "suposta novidade" xa leva meses no mercado e que mesmo foi difundida xa en novembro de 2005 por esta organización. Ademais, sinalou que Alcatel xa ofrecía anteriormente a opción na nosa lingua e que, porén, a Xunta non traballou con eles para que poidan ter tamén un T9 en galego.
Carlos Callón, sinalou que "os adiantos para o noso idioma nas novas tecnoloxías sempre son positivos", aínda que lamentou que Marisol López "silenciase" a campaña iniciada en 2004 por un grupo de adolescentes de Brión, que despois se estendeu a toda Galicia, "e que tivo como un dos seus resultados este logro".