Mondoñedo celebra hoxe o vintecinco cabodano da morte de Cunqueiro, cunha lectura pública de 'As crónicas de Sochantre'

Pérez Touriño asistirá á presentación, por primeira vez en España, da tradución ó árabe de 'Si o vello Sinbad volvese ás illas'

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 28 febrero 2006 11:26

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Feb. (EUROPA PRESS)

A vila lucense de Mondoñedo acollerá hoxe os actos de conmemoración do vintecinco cabodano da morte de Alvaro Cunqueiro, unha das figuras máis influintes da literatura galega e europea do pasado século. Entre as actividades, atópanse a lectura pública de 'As crónicas de Sochantre' e a presentación por primeira vez en España, da tradución ó árabe de 'Si o vello Sinbad volvese ás illas'.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidirá estes actos co obxecto, segundo subraiou hoxe o Goberno galego, de simboliza-lo recoñecemento "de Galicia enteira e de todo o que para os galegos significa a obra do escritor Álvaro Cunqueiro, que xa forma parte do patrimonio da literatura universal".

A xornada comezará ás once da mañá coa recepción das autoridades por parte do alcalde mindoniense, Luis Rego Valcarce. De seguido, o presidente do Goberno galego, xunto cos demais asistentes ó acto, participarán na ofrenda floral ante a tumba do escritor.

Unha vez no salón de plenos da Casa do Concello, Pérez Touriño presidirá a presentación por primeira vez en España, da tradución ao árabe de 'Si o vello Sinbad volvese ás illas' de Cunqueiro e a lectura pública de 'As crónicas de Sochantre', libro do escritor que este ano cumpre medio século.

A presentación da versión en árabe do Sinbad cunqueiriano contará coa presenza do seu tradutor, Larbi el Harti, así como cunha ampla representación dos Pen Clube de Marrocos e Galicia. Tamén está previsto que á presentación asistan representantes do Instituto Cervantes, institución directamente vencellada ó Ministerio de Cultura e das autoridades culturais marroquís. A presentación mundial da versión en árabe do Sinbad de Cunqueiro tivo lugar o pasado día 15 en Casablanca.

A lectura pública de 'As crónicas de Sochantre' iniciaraa este ano o escritor e xornalista Ramón Loureiro, recentemente galardoado co Premio Letras de Bretaña por facer das terras da Galicia do norte, en especial das da vella provincia mindoniense, un lugar de encontro entre todas as grandes culturas e mitos do Atlántico.

Contenido patrocinado