Os plátanos de sombra e acacias destacan como as especies florais máis abundantes no Campus de Santiago

Actualizado: lunes, 12 junio 2006 17:26

O Inventario do patrimonio natural da USC recolle 216 especies, 148 xéneros e 67 familias

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jun. (EUROPA PRESS) -

Os plátanos de sombra, tras a acacia negra, destaca como a especie arbórea máis abundante no Campus Norte compostelano, mentres que no Sur a falsa acacia supera en número aos primeiros, segundo recolle a Inventario do patrimonio natural da Universidade de Santiago (USC).

O reitor da USC, Senén Barro, presentou hoxe o devandito inventario. A partir dun estudo previo elaborouse unha presentación para o web http://www.usc.es/flora/ que contén unha descrición detallada de cada árbore e arbusto dos tres campus na cidade de Santiago, a partir dos cales se deseñaron unha serie de roteiros didácticos.

Como resultado do estudo inventariáronse un total de 238 taxóns, pertencentes a 216 especies, 148 xéneros e 67 familias, algunhas con diferentes variedades, sendo algo máis de 60 as autóctonas -eurasiáticas e mediterráneas-.

GUSTO POLO EXÓTICO

Como adoita ser costume nos xardíns galegos, o gusto polo exótico fai, segundo a institución académica, que "unha elevada porcentaxe" de especies existentes sexan propias doutras terras afastadas, nomeadamente asíaticas e americanas.

Tamén existen abundantes exemplares que se poden considerar exóticos e que son "pouco frecuentes" nos xardíns galegos, como é o caso dos 12 exemplares de ginkgo -do leste de China-. Esta árbore considérase "un auténtico fósil vivente", xa que os exemplares actuais son idénticos a os que existían no Terciario.

Outra árbore pouco frecuente que se pode atopar no Campus compostelán é a sequoia orixinaria da Costa do Pacífico dos Estados Unidos que no seu hábitat natural pode superar a altura de 100 metros.

O patrimonio natural da USC en Santiago conta ademais cun exemplar de anís de Florida orixinario de Florida e Luisiana, e outro de casuarina cola de cabalo orixinario de Asia, Australia e Polinesia, entre outros.

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

A Xeración de Coñecemento e Educación Ambiental é un dos eixos do Plan de Desenvolvemento Sostible que a USC aprobou en novembro de 2003 e no que se enmarcan as accións de divulgación e protección do seu patrimonio histórico natural. Así, en xuño de 2005 comezouse a colaborar con profesores da Escola Politécnica Superior de Lugo e da Facultade de Bioloxía de Santiago para realizar un inventariado da flora dos campus da USC nas dúas cidades.

No Campus de Compostela foi a profesora Isabel Fraga Vila, do Departamento de Botánica, a responsable do traballo de inventariado e deseño de roteiros, documento que a USC puxo xa en mans do Concello e do Consorcio de Santiago coa intención de achegar esta información aos cidadáns e contribuír a xerar coñecemento do contorno no que se desenvolve parte da actividade da Universidade. A profesora Fraga contou coa colaboración dos investigadores en formación Manuel Iglesia Fernández e Celestino Quintela Sabaría.

ROTEIROS DIDÁCTICOS

Logo do proceso de inventariado, elaborouse unha presentación para o web que permite consultar en detalle as características, fotografías e emprazamento de cada árbore e arbusto dos tres campus na cidade de Santiago. Elaboráronse tamén dous roteiros didácticos por parte desa riqueza natural, en particular polo Campus Sur, que poden seguirse en detalle no caderno elaborado para ese fin.

Un abrangue a área comprendida desde a entrada principal ao Campus ata os colexios maiores, e o segundo gran parte do Monte da Condesa nun percorrido máis amplo e diverso ca o anterior. O primeiro percorrido terá lugar o 16 de xuño, guiado por estudantes de Botánica e coa colaboración da Concellaría de Educación e Mocidade.