Os veciños de Iñás en Oleiros (A Coruña) paralizarán o tráfico na N-VI se Fomento non finaliza as obras do túnel

Actualizado: jueves, 3 agosto 2006 19:09

A CORUÑA, 3 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Asociación de Veciños de Iñás demandou ao Alcalde de Oleiros (A Coruña), Ángel García Seoane, que solicite ao Ministerio de Fomento a finalización inmediata das obras do túnel, e manifestaron a súa intención de levar a cabo unha concentración nos vindeiros días en sinal de protesta, paralizando o tráfico na estrada N-VI.

Os veciños aseguraron que ditas obras xa levan paralizadas varios meses causando "graves problemas" de acceso, especialmente, aos residentes da Urbanización Arenaza pola proximidade xeográfica do ámbito afectado.

Os traballos, que levan máis de dous anos de retraso, xa ocasionaron diversos altercados no tráfico rodado, que afectaron tanto a automobilistas como a viandantes que, diariamente, discorren pola zona tal como recordan os membros da asociación.

Ante a ausencia de resposta ás reiteradas peticións formuladas ao Ministerio de Fomento, a entidade veciñal trasladou ao rexedor municipal a súa intención de solicitar a organización dunha concentración na N-VI coa finalidade de paralizar o tráfico nos vindeiros días en caso de que o organismo competente non determine e comunique un "prazo definitivo" que poña fin ás citadas obras.

Pola súa banda, o alcalde oleirense, dada a "inexplicable" demora e os "graves prexuízos" causados ós veciños de Iñás, manifestou o seu "total apoio" e o do goberno municipal ás accións que emprendan os cidadáns comprometéndose a facer as xestións correspondentes ante os organismos competentes.