O pianista galego Abe Rábade presentará o domingo o seu novo disco no Teatro Principal de Santiago

Actualizado: martes, 30 mayo 2006 19:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 May. (EUROPA PRESS) -

O pianista Abe Rábade, un dos pioneiros do jazz galego, presentará un novo disco este domingo, ás 21.00 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Esta actuación foi presentada hoxe polo propio músico e polo concelleiro de Cultura compostelá, Néstor Rego, e polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará.

O concerto de presentación do novo traballo, respaldado polo Concello de Santiago e pola Xunta, introducirá ao público no mundo que alberga 'Playing on light', de Abe Rábade. Tanto Néstor Rego como Luís Bará incidiron na traxectoria e no traballo do músico compostelán, considerado un dos pioneiros do jazz galego.

O propio Abe Rábade explicou hoxe que o seu traballo non é convencional, senón que mestura varias disciplinas, como a poesía da súa irmá, María do Cebreiro, e as fotografías de diferente autores como Ralf Gibson, Donna Ferrato e outros. O artista celebrou poder ter o proxecto pechado, despois de varios anos no camiño, e dixo sentirse "moi feliz" de poder presentalo na súa cidade.