Política Lingüística considera aos alumnos extranxeiros de cursos de galego como "embaixadores da lingua galega"

Unhas 120 persoas de todo o mundo asisten este ano á XIX edición destes cursos promovidos pola Xunta, a RAG e a USC

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 6 julio 2006 19:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Jul. (EUROPA PRESS) -

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, destacou hoxe o papel dos alumnos dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros como "sobranceiros embaixadores" da lingua galega nos seus países de orixe.

Marisol López foi unha das personalidades que asistiron hoxe, no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago (USC), á inauguración oficial destes cursos, que celebran xa a súa décimo novena edición e que nesta ocasión contan con 120 participantes procedentes de distintos lugares do mundo. Na súa intervención no acto, que tivo lugar na capital galega, a secretaria xeral deulles a benvida aos asistentes e agradeceulles a súa sensibilidade coa lingua. Incidiu en que é unha sensibilidade "que consideramos moi necesaria para a construción dun mundo que valore o multiculturalismo e a variedade de linguas como riqueza, e non como traba".

López engadiu que cando falen en galego, estes alumnos "van ter a maxia de sorprender primeiro e de facernos sentir fachendosos da nosa lingua, que non é máis nin menos que ningunha outra, e que pode ser valorada por unha muller de Murcia ou por un rapaz romanés". Deste xeito, explicou, "os prexuízos cara ao galego que, por desgraza, aínda están presentes en nós como falantes, caen todos de vez".

Os Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia están promovidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa Real Academia Galega e co Instituto da Lingua Galega da USC.

Na inauguración oficial participaron, ademais de Marisol López, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez, o director dos cursos e académico, Manuel González, e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto.

CLASES E VISITAS DE INTERESE

Os cursos desenvolveranse durante este mes de xullo, e teñen como finalidade primordial darlles aos estudantes a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia, salientou hoxe Política Lingüística.

Ademais das clases teóricas e prácticas de lingua, están programadas leccións sobre literatura, historia, xeografía, arte, e outras disciplinas. Tamén haberá excursións e visitas aos lugares de principal interese cultural e paisaxístico de Galicia.

As actividades distribúense nun nivel elemental de iniciación á lingua galega e noutro nivel medio, destinado aos alumnos que xa cursaron o elemental ou que posúan un coñecemento básico do idioma. Haberá ademais un Curso Superior de Filoloxía Galega.

Contenido patrocinado