SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Ene. (EUROPA PRESS) -
A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina unha contía incial máxima de 760.000 euros a actividades de fomento do uso do galego nas entidades sen fin de lucro, segundo a orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).
A devandita orde regula, para este exercicio, o concurso público para a concesión de subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega no desenvolvemento de programas de normalización, documentación e portais e páxinas web.
Poderán solicitar estas subvencións entidades como federacións e confederacións, organizacións non gobernamentais, colexios profesionais, cámaras de comercio e fundacións. Quedan excluídas as organizacións que dependan xurídicamente de calquera administración pública, as asociacións de pais e nais de alumnos e os movementos de renovación pedagóxica.
Segundo indicou hoxe Política Lingüística, os criterios preferentes de concesión das axudas serán o grao de normalización lingüística das entidades solicitantes, o alcance da actividade que se pretende realizar, o carácter permanente da actuación e o seu grao de elaboración e creatividade, entre outros.
En concreto, a convocatoria ten por obxecto regular a concesión das subvencións destinadas ao desenvolvemento de programas de normalización lingüística e á confección de documentación permanente e creativa --programas informáticos, libros, cómics, folletos, revistas e boletíns non publicitarios, programas de radio e televisión, material lúdico, etc.--.
Tamén axudará á realización de accións directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega --animación sociocultural, certames, congresos, xornadas, campañas divulgativas, etc.--, á elaboración de actividades publicitarias en calquera soporte ou medio, e ao desenvolvemento de portais e páxinas web.