SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -
Portos de Galicia, ente adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, asinou hoxe un convenio coa TVG para colaborar co programa "De proa a popa", que se emitirá todos os sábados da temporada veraniega e que recollerá os acontecementos náutico deportivos que se celebren en Galicia.
Neste programa da canle autonómica terán cabida deportes como a vela, remo, piragüismo, surf, windsurf e submarinismo entre outros. Así mesmo, colaborará tamén nas retransmisións da Liga Noroeste de Traiñas (LNT) e da ACT (Asociación de Clubes de Traineras). que se levarán a cabo durante este verán en augas de Galicia e do País Vasco.
A conselleira de Política Territorial, María José Caride, presidiu hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre o presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, e o director xeral da Compañía da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Benigno Sánchez.
Este convenio de colaboración terá a súa vixencia durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro do presente ano en todas as regatas de traíñas que se levarán a cabo nas rías de Vigo, Muros, Arousa, Vigo, Ferrol, A Coruña en Galicia, e tamén nas augas de San Sebastián e Guetxo, no País Vasco. Portos de Galicia compartirá o patrocinio coas Autoridades Portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol naquelas regatas que se disputen en augas de ditos portos.
PROMOCIÓN DO DEPORTE E DOS PORTOS
Segundo informou hoxe Política Territorial, a promoción do deporte é un obxectivo prioritario nas sociedades modernas e que é compartida pola Xunta de Galicia. En concreto, a práctica do deporte do remo está recoñecida na actualidade como una actividade náutico deportiva en gran expansión, na que Galicia está a ser desde hai anos un dos piares fundamentais.
Neste senso, o ente público Portos de Galicia e a TVG postan pola difusión dos deportes náuticos e, en concreto o do remo, de xeito vencellado á promoción dos portos galegos. Así, ven esta colaboración como "un importante catalizador para todos os afeccionados aos deportes náuticos, para o coñecemento das instalacións portuarias da nosa Comunidade, e para a promoción do noso patrimonio, cultural, natural e turístico".
A primeira das regatas que se retransmitirá en "De proa a popa" terá lugar o vindeiro domingo, día 25 de xuño, coa retransmisión da "II Bandeira Concello de Nigrán" que se celebrará nesta localidade pontevedresa.