SANTIAGO DE COMPOSTELA 1 Jun. (EUROPA PRESS) -
O científico Joan Massagué, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 2004, ofrecerá mañá venres unha conferencia na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC).
A súa intervención, titulada 'Civismo e delincuencia celular: papel do TGF-beta na citostase e a metástase', desenvolverase a partir das 16.00 horas no Salón de Actos do centro.
Joan Massagué (Barcelona, 1953) é un dos científicos máis citados do mundo en biomedicina polas súas aportacións ao coñecemento do cancro. Na actualidade dirixe o Programa de Bioloxía e Xenética do Cancro do Memorial Sloan-Kettering Cancer Center, en New York, cargo que compatibiliza co de director adxunto do Instituto de Investigación Biomédica do Parque Científico de Barcelona.
Massagué é ademais investigador do Instituto Médico Howard Hughes, membro da Academia Nacional de Ciencias de EE.UU., da Academia Americana das Artes e as Ciencias e da Organización Europea de Bioloxia Molecular.
Hai máis dunha década publicou os seus estudos sobre a actuación de dúas das tres armas que frean a multiplicación descontrolada das células que causan o cancro como son o péptido p27 e o factor de crecemento tumoral beta. Entre os seus traballos destaca tamén a identificación dun dos máis potentes inhibidores da proliferación celular, o receptor TGB.