O presidente do Consello Social da USC presentará anualmente a 'Memoria de Responsabilidade Social Corporativa'

Actualizado: lunes, 16 enero 2006 20:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ene. (EUROPA PRESS) -

O novo presidente do Consello Social da Universidade de Santiago (USC), Manuel Puga Pereira, manifestou hoxe que un dos seus fins será continuar coa liña emprendida pola universidade de presentar anualmente e elaborar a 'Memoria de Responsabilidade Social Corporativa', "indo máis aló do que esixe a propia lei".

Así o subliñou hoxe Manuel Puga, tras mantener unha reunión co reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, no seu despacho de San Xerome e que representa o primeiro encontro instucional despois do seu nomeamento polo Consello da Xunta.

O reitor agradeceu ao novo presidente que asumira esta responsabilidade e felicitou a decisión do Consello da Xunta de Galicia de contar con Manuel Puga para presidir este órgano de goberno universitario. Do novo presidente do Consello Social, o reitor destacou o seu perfil humano, profesional e académico e a súa capacidade "para favorecer o diálogo permanente entre a USC e a sociedade".

Pola súa banda, Manuel Puga falou do "reto importante" que vén de asumir e que "ao mesmo tempo é unha satisfacción por voltar á USC, "onde me formei, atopei á miña muller e onde estudan os meus fillos", manifestou.

Asemade, na medida das súas posibilidades afirmou que contribuirá á continuidade "desta tarefa de asunción transparente de responsabilidades, tratando de favorecer tamén o desenvolvemento sostible".

CURRÍCULO

Manuel Puga Pereira, director de Operacións de Astra Zéneca en España e presidente da Fundación Galicia Empresa, substitúe a Manuela López Besteiro ao fronte do Consello Social da Universidade de Santiago.

Licenciado en Ciencias Biolóxicas e Farmacia pola USC e doutor en Ciencias pola mesma Universidade, participou en numerosos cursos de especialización na industria farmacéutica e en técnicas de xestión empresarial, impartidos por ICI Training&Development Group e Zéneca Pharmaceuticals e por outras entidades internacionais de formación.

A súa vida académica comezouna no Departamento de Edafoloxía da USC e no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). En 1981 incorporouse ao mundo industrial da man de Laboratorio Farmacéuticos ICIFarma, onde foi director de Operacións en O Porriño. É membro do Padroado de Fundación Empresa Universidade de Galicia (Feuga) e da xunta directiva de Feique. Desde 2002 ocupa a presidencia da xunta directiva da Fundación Galicia-Empresa.

Manuel Puga colaborou tamén en diversos proxectos de investigación e ten publicados unha serie de traballos sobre temas relacionados coa súa especialización en revistas nacionais e internacionais. Ademais, forma parte da Asociación Española de Farmacéuticos da Industria e foi galardoado co Premio Federico Maciñeira que concede a Deputación Provincial de A Coruña. É ademais membro académico numerario da Academia de Farmacia de Galicia.