O reitor da USC inaugura mañá en Santiago o VI Congreso da Sociedade Española de Psicoloxía Experimental

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 5 julio 2006 19:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA 5 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Sociedade Española de Psicoloxía Experimental (Sepex) celebra en Santiago a partir de mañá xoves día 6, e ata o sábado 8, o seu VI congreso, que inaugurará o reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro, no que se darán cita os investigadores españois máis activos nesta área, que asistirán a intervencións das figuras máis prominentes do panorama internacional.

O encontro inaugurarase ás 9.30 horas na Facultade de Ciencias Políticas. Deseguido, o profesor Axel Cleeremans, director da Cognitive Science Research Unit da Universidade Libre de Bruxelas, pronunciará a primeira conferencia plenaria sobre aprendizaxe e coñecemento.

A liña investigadora de Cleeremans céntrase no estudo da conciencia e a aprendizaxe con especial interese polo desenvolvemento de modelos computacionais deses procesos. Impulsor da Association for the Scientific Study of Consciousness, actualmente é editor da principal revista belga de psicoloxía experimental e presidente electo da Belgian Psychological Society.

O resto da xornada dedicarase á presentación de comunicacións en numerosos paneis que abranguen temas diversos relacionados coa investigación en Psicoloxía Experimental. Así, trataranse cuestións referidas a percepción, motivación, emoción, atención, condicionamento, aprendizaxe, memoria, psicolingüística, pensamento, psicoloxía social experimental, neurociencias cognitivas, e outros.

No empeño da Sepex por dedicar un espazo en cada un dos seus congresos a aspectos da psicoloxía experimental relativamente pouco representados na sociedade, nesta ocasión achegaranse á Psicoloxía do Desenvolvemento.

Porén, o prestixioso profesor Alan M. Leslie pronunciará o venres unha conferencia plenaria na que explicará os seus traballos experimentais, que abarcan áreas de tanto interese como o desenvolvemento infantil da teoría da mente ou os procesos de percepción de obxectos en nenos.

Contenido patrocinado