O Salón Teatro de Santiago acolle esta semana novas funcións do espectáculo 'Illa Reunión', montaxe do CDG

Actualizado: martes, 14 marzo 2006 18:16

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Mar. (EUROPA PRESS) -

O Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acolle esta semana cinco novas funcións do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Illa Reunión, creado e dirixido por Ana Vallés. Estreada o pasado 3 de marzo, esta produción permanecerá na capital galega ata o 2 de abril, con representacións de mércores a sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 horas.

O concepto de viaxe e o mito do viaxeiro serviu como punto de partida para a creación colectiva deste espectáculo, no que se emprega a fragmentación como técnica narrativa, ao tempo que se exploran as múltiples posibilidades expresivas do teatro, a danza e a música.

Un elenco de 14 actores, bailaríns e músicos desenvolve unha intensa interpretación coral, que durante toda a obra se mantén nun plano paralelo ao das intervencións individuais. Nestas, os intérpretes comunican historias reais, propias e alleas, fundamentadas nos sentimentos contraditorios desatados por viaxes transcendentais nas súas vidas.

A acción desenvólvese nun espazo escénico diáfano, que concede gran protagonismo aos matices da luz deseñada por Baltasar Patiño e ao especial plano sonoro que aporta a música en directo dos instrumentos de vento (bombardino, trompeta, tuba) e de percusión que empregan músicos e actores.

As entradas poden adquirise no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo das funcións e a través do servizo telefónico. O prezo é de 9 euros, ainda que se aplican os descontos habituais para estudantes, xubilados e familias numerosas para asistir á montaxe