Santiago acolle hoxe o concerto de presentación da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares

Actualizado: sábado, 29 abril 2006 14:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle hoxe o concerto de presentación da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares. Nesta actuación, que comezará ás 21.00 horas, participarán 95 músicos que representan ás bandas de toda Galiza e estarán presentes varias corais.

O programa do concerto que terá lugar esta noite na capital gallega está composto polas pezas 'Carmina', de T. Blanco; 'Hipófisis (Fantasía)', de J. Javier Ces Calvo e que é unha estrea; 'The Lord of the Rings', J. De Meij; 'Vois sur ton chemin', de B. Coulais; 'Rosas', de Manuel María e Carlos Seráns; e 'A Saleta', de Manuel María e Carlos Seráns.

Esta actuación da Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares está apoiada polo Concello de Santiago e pola Xunta, ademais de contar co mecenado de varias empresas e do Consorcio de Santiago. Con este concerto, que terá unha duración de 90 minutos, os organizadores pretende "dar a coñecer o máis novo dos músicos e dos compositores galegos, e consolidar deste xeito a Federación".

Ademais da banda participarán o coro do CPI das Fontiñas, o da Asociación Musical Solfa, dirixido por Seráns, a Coral Polifónica A Salle, dirixida por José Gorrosari Bonilla, o Coro Coto da Nai, dirixido por Óscar Mato Collazo, a Coral Polifónica da Pontepedriña, a Coral Pontemantible, e a Coral Irmán Gómez, que dirixe José Antonio Hoyos Silva.

Esta Banda Sinfónica ten por obxectivo representar tanto á Federación como a Galicia no ámbito musical bandístico e contribuír á divulgación e promoción da música galega, potenciar o nivel cultural e musical dos compoñentes das bandas de música populares Promover a música entre a mocidade, e dar a coñecer a novos intérpretes e compositores galegos.

Aínda que a Banda Sinfónica da Federación foi creada no ano 2000, despois dunha longa pausa volveuse retomar o proxecto no ano 2005 coa realización de dous concertos, un no V Certame Provincial de Bandas de Música, organizado pola Deputación de Pontevedra no Pazo da Cultura desta cidade; e outro na XII Asemblea Xeral da Confederación en Amposta (Tarragona) a finais de outubro. Este ano espérase que sexa o da consolidación.