Santiago Centro organiza o xoves unha mesa redonda sobre o galego na empresa para celebrar o Día das Letras Galegas

Actualizado: lunes, 8 mayo 2006 18:48

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Santiago Centro, Área Comercial conmemorará o Día das Letras Galegas cunha mesa redonda na que se abordará o uso do galego nas relacións empresariais. Con esta actividade, que se celebrará este xoves no Hotel Meliá Araguaney, o colectivo comercial pretende involucrar a diferentes sectores do mundo da empresa e contribuír á dinamización cultural e social do Ensanche de Santiago.

Para este acto, Santiago Centro conta co catedrático de Dereito Constitucional da Universidade compostelá, Roberto Blanco Valdés, quen moderará unha mesa na que participan tamén o lingüista Fernando Ramallo, profesor na Universidade de Vigo e coautor do libro 'Vender en galego. Comunicación, Empresa e Lingua'; o lingüista e cofundador de Vieiros, Daniel Romero; o propietario e xerente de Pousadas de Compostela, José Manuel Otero; e Mónica Martínez, xornalista e coordinadora de Sección de Galicia Hoxe, único diario de Galicia en galego.

Santiago Centro indicou hoxe que convidou a asistir ao acto conmemorativo a representantes da vida social, cultural, política e económica da cidade, nun intento de que a mesa se converta nun foro de debate que permita ter unha imaxe fiel da situación actual do uso do galego nas empresas. O acto é de entrada libre ao público.

Este é o terceiro ano consecutivo que a Fundación Santiago Centro conmemora o Día das Letras Galegas. No ano 2004 fíxoo mediante unha lectura pública da obra de Xocas, o autor homenaxeado; e o ano pasado cun concurso de recitado da obra poética de Lorenzo Varela, na que participaron alumnos de colexios de toda a cidade.