Santiago conta cun obradoiro de emprego en enerxías renovables e comeza a construcción dun centro de apoio á empresa

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 12 enero 2006 17:38

SANTIAGO DE COMPOSTELA 12 Ene. (EUROPA PRESS) -

A capital de Galicia conta desde hoxe cun Obradoiro de Emprego de Enerxías Renovables e puxo a primeira pedra do futuro Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (Cersia), sito en San Lázaro. Os alumnos do obradoiro construirán o edificio do novo centro, no que se incorporarán innovacións en materia de enerxías renovables --unha fachada con pracas solares e unha cuberta con paneis térmicos--.

No acto de inauguración desta iniciativa participaron hoxe o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, o presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego de Santiago, Xosé Manuel Iglesias. Ademais asistiron boa parte dos concelleiros do PSdeG e do BNG, así como representantes do eido empresarial da cidade.

As autoridades introduciron varios elementos de carácter simbólico nunha arqueta e cumpriron co acto de colocación da primeira pedra do edificio do Cersia, unha das actividades que desenvolverán os 48 alumnos do obradoiro de emprego.

O Cersia, que se ubicará nun edificio de dous bloques a construir nun ano, "nace para satisfacer unha necesidade" na capital galega, segundo os responsables municipais, que non é outra que o contar "cun centro de referencia que aglutine e coordine os servizos e recursos que presta o Concello ás empresas da cidade, aos investidores foráneos interesados en instalarse en Santiago, aos emprendedores e aos demandantes de emprego".

A Concellalía de Promoción Económica promove este centro, que é "unha iniciativa pioneira en Galicia a nivel local", xa que nNingunha outra cidade galega conta cun espazo de promoción económica, empresarial e laboral destas características. No resto do Estado hai varias iniciativas similares, coma Barcelona Activa, Sevilla Global ou a Axencia Local de Promoción Económica e Emprego, lembrou no acto o concelleiro Xosé Manuel Iglesias.

TRES ESPECIALIDADES

O Obradoiro de Emprego conta cun orzamento inicial superior aos 1,3 millóns de euros, aportados pola Xunta de Galicia, a Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago. Supón a contratación directa de 58 persoas, 48 alumnos e 10 profesores. O obxectivo é formar aos participantes para lograr a súa posterior inserción no mercado laboral.

Neste obradoiro impartiranse tres especialidades demandadas polo mercado laboral compostelán: carpintería, albanelería e instalación de sistemas de enerxías renovables. Os alumnos farán dous tipos de obras: a construcción do Cersia e a instalación de sistemas de enerxía solar térmica e fotovoltaica en equipamentos públicos.

No acto celebrado hoxe, o conselleiro de Traballo amosou a súa "satisfacción" por colaborar nunha iniciativa "importante" e que contribuirá á promoción e a formación no eido laboral e á innovación. Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña aludiu ao interese do organismo provincial por axudar a aquelas iniciativas que contribuan na formación e na xeración de emprego.

Pola súa banda, o rexedor compostelán apuntou que tanto o obradoiro de emprego como o Cersia contribuirán a seguir coa transformación do barrio de San Lázaro e a xerar emprego de calidade.

Contenido patrocinado