SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
O Centro Sociocultural da Trisca, en Santiago de Compostela, celebra desde hoxe e ata o sábado a súa III Semana Cultural, que xirará sobre a relación entre o home e a máquina, cunha ampla oferta de obradoiros, actuacións musicais, cine e pequenos mercados.
As actividades foron presentadas hoxe pola concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, quen tamén se encargará de inaugurar o programa mañá. Sen embargo, as actividades comezan xa hoxe cunha sesión de música e movemento no marco do taller de Ximnasia terapéutica para maiores.
As actividades proseguirán ao día seguinte coa presentación, a cargo do artista Mauro Trastoy, do mural gráfico feito no parque público A Trisca, que evoca o tema desta semana cultural: "a íntima relación entre as persoas e as máquinas".
Ese mesmo día haberá unha intensa axenda musical, coa actuación pola tarde do dúo de guitarra e trombón. Asociación musical Alfaia (Guitarra) e Linas Baltusis (Trombón) e da Coral A Xuntanza. Esta xornada péchase cunha sesión de contacontos conducida por Soledad Felloza.
Para a mañá do mércores está previsto un Laboratorio de animación, onde se producirán clips de animación con plastilina e outros materiais. Os asistentes poderán experimentar con procesos de modelado, escenografía, fotografía, tratamento informático, montaxe e proxección. Xa pola tarde, visita á Imprenta Atlas para descubrir os procesos artesanais de impresión, e velada-faladoiro literario "Sentires".
Outra sesión de música e movemento abre a xornada do xoves pola mañá; mentras que pola tarde, está programado un laboratorio de animación e cine ao aire libre, coa proxección do filme "O Castelo Ambulante". Ao día seguinte, as actividades previstas consisten en contacontos a cargo do grupo Trinke-trinke e representación da obra teatral "O Pazo", a cargo da Aula de Teatro Ánxel Casal". A noite deste día 23, cacharelas e meigallos para celebrar o San Xoan.
A Semana Cultural da Trisca péchase o sábado con dous pequenos mercados: un de actividades para nenos e nenas a cargo das mestras de pedagoxía Waldford e outro de máquinas e das persoas que as utilizan creativamente. Tamén haberá un taller de xogos con máquinas e ferramentas e un espazo de mostra electrónica, arte, comunicación e alimentación.