Senén Barro comprométese a axilizar as xestións da USC para que no 2008 todos os trámites poidan realizarse na Rede

Actualizado: lunes, 8 mayo 2006 19:47

Confía en que o seu compromiso coa comunidade universitaria obteña resposta e o colectivo acuda a votar "masivamente" o 10 de maio

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 May. (EUROPA PRESS) -

O candidato a reitor da Universidade de Santiago (USC) Senén Barro comprometeuse a axiliar e simplificar todas as xestións da institución académica, baixo a denominación de e-universidade, co obxectivo de que todos os trámites administrativos poidan realizarse a través da Rede no ano 2008.

Deste xeito, un profesor poderá cubrir as súas actas académicas por Internet, sen necesidade de achegarse ó centro, e con todas as garantías legais; consultar o estado dun trámite administrativo ou mesmo facer chegar electrónicamente os seus documentos. Tamén como apoio na docencia, integrado co Campus Virtual, permitirá achegar novos valores e prestacións.

Pola súa parte, a e-universidade permitirá aos estudantes facer a súa matrícula por Internet, incluíndo o seu abono e poderá acceder a toda a súa información académica, solicitar un certificado ou unha bolsa; reservar un posto nas Aulas de Informática, unha instalación deportiva ou un acto cultural organizado pola USC.

Deste xeito, abrirase unha canle complementaria, adicional ó actual envío de SMS, no que a a USC foi pioneira, xa que se introducirá con este proxecto unha canle bidireccional e con garantías de integridade, privacidade e acuse de recibo na información.

No eido da investigación, a sinatura dixital permitirá avanzar "de xeito notable" no camiño xa arrancado desde a OIT Virtual, ó posibilitar o envío de documentación e proxectos a convocatorias competitivas de investigación, sempre que o organismo receptor o permita.

"ABANO INMENSO"

Mentras, na xestión interna permitirá axilizar e simplificar o envío de escritos, facturas, trámites, autorizacións, pagos e, en xeral, toda a actividade de xestión inherente a unha organización das dimensións e complexidade da USC, entre outras vantaxas.

En xeral, a implantación destes novos métodos electrónicos e administrativos abre, segundo a candidatura de Barro, un "abano inmenso" de posibilidades na docencia e na investigación e, en xeral, na xestión de servizos de apoio universitarios. O compromiso asumido polo candidato a renovar o cargo de reitor coa comunidade universitaria redunda nunha das máximas da súa xestión durante os anos anteriores.

Neste sentido, o emprego das TIC's foi de axuda, por exempro, para unha máxima transparencia nas contas da universidade que figuran todas na páxina web da institución académica.

BALANCE DA CAMPAÑA

A candidatura de Senén Barro ao reitorado da USC intercambiou ideas, proxectos e medidas concretas con máis de 2.500 persoas de todos os colectivos integrados na universidade durante a campaña electoral.

Os membros da candidatura presentaron o seu documento de compromisos e debateron o mesmo coa comunidade universitaria. Ademais, Senén Barro acudiu a unha decena de debates programados nos dous campus e en diversos medios de comunicación e sedes de axentes sociais de Santiago e Lugo.

Baixo cinco grandes eixos -universidade pública, galega, histórica, bicampus e emprendedora- o candidato a reitor desgranou nas diversas intervencións públicas as máis de 300 medidas que recolle o documento de compromiso coa comunidade universitaria. Aberto ao diálogo e a transparencia, falou con todos aqueles membros da comunidade universitaria que acudiron ás convocatorias.

Despois desta campaña electoral Senén Barro confía en que o seu compromiso coa comunidade universitaria obteña como resposta un compromiso tamén neste colectivo e vaia a "votar masivamente" o próximo día 10 de maio.