SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 May. (EUROPA PRESS) -
A Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou os recursos interpostos pola CIG contra a resolución do Consello de Goberno da Universidade de Santiago (USC) pola que se ratificaba a aplicación do Plan de Equilibrio Económico e Financeiro no relativo ao Capítulo I do Orzamento da USC en materia de PDI e de Persoal de Administración e Servicios (PAS).
Nas súas motivacións, segundo lembrou hoxe a institución académica, a CIG denunciaba que a Mesa de Negociación constituída na USC o 23 de abril de 2004 "non tiña carácter negociador por carecer dunha proporcionalidade na representación sindical en función dos resultados electorais obtidos". Engadía, ademais, que "non cabe unha estipulación unitaria de traballadores laborais e funcionarios". O sindicato concluía que "non houbo negociación" con órganos de representación de persoal funcionario, nin informe previo dos Departamentos.
Nas sentenzas establécese que a CIG "parece confundir a falla de negociación coa súa disconformidade co resultado obtido nesta, na que tivo activa participación, nada menos que con catro representantes". "É evidente que -continuan as sentenzas- se formou parte da mesa e participou nas negociacións entabladas, non pode vir agora, ao socaire da súa particular disconformidade co acordo adoptado, a cuestionar e poñer en tela de xuizo a capacidade negociadora da Mesa, ata entón non discutida".
As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia consideran "non aceptable" o argumento da suplantación das competencias de negociación colectiva que se atribúen a outros órganos de representación de persoal como as Xuntas de Persoal ou o Comité de Empresa.
"Nin o acordo adoptado pola mesa tiña carácter vinculante para o Consello de Goberno da Universidade, nin a negociación era obrigatoria, toda vez que as medidas a tratar encaixan no marco das facultades de organización da administración universitaria, pois non supoñía modificación ou alteración das condicións de traballo do seu persoal (funcionario ou laboral) nin se referían a materia obxecto de regulación polo Convenio Colectivo da Universidade", sinalan as sentenzas.
Por outra banda, ningunha normativa impide neste caso a unitaria negociación para os colectivos de persoal funcionario e laboral. Xa no que atinxe á proporcionalidade representativa na mesa, as sentenzas explican que só se excluiron aos sindicatos cunha representación inferior ao 10%, "non sendo exacto, ademais, que a CIG goce da maioría sindical que afirma, pois vese superada, tanto nas Xuntas de Persoal coma nos Comités de Empresa por CC OO e UGT".
Segundo subliñan as sentenzas, dado o carácter "non vinculante" do acordo, "o importante" era obter un achegamento de posturas entre as partes para o que, puntualiza o escrito, "bastaba coñecer as posturas en conxunto, como bloques independentes, sen necesidade de votación individual dos que alí as representaban".