A CORUÑA 7 Mar. (EUROPA PRESS) -
A Vicerreitoría de Estudantes da Universidade da Coruña organiza para os días 8 e 9 de marzo unha xornada de portas abertas no Campus de Ferrol para os alumnos do último curso de Bacharelato dos centros de Secundaria da comarca ferrolá.
O primeiro día o vicerreitor de Estudantes, Miguel Ángel Simón López, xunto co delegado do Servizo de Asesoramento e Promoción ao Estudante en Ferrol (SAPE), Salvador Naya, recibirá aos alumnos no salón de actos do campus, en Esteiro, ás 17.00 horas, onde se lles informará sobre a estrutura da Universidade da Coruña e as titulacións que se poden cursar.
No transcurso do acto recibirán tamén información sobre os trámites que deben seguir para a súa futura entrada na Universidade. Despois da presentación xeral, os estudantes percorrerán o centro da súa elección nunha visita guiada. O segundo día, o 9, a presentación terá lugar, co mesmo horario, no salón de actos da Escola Universitaria Politécnica, en Serantes.
A finalidade destas xornadas é dar a coñecer a Universidade da Coruña e a súa oferta académica, achegarse aos estudantes preuniversitarios e axudalos a elixir o seu futuro académico e profesional cun maior coñecemento.
Esta iniciativa enmárcase dentro das actividades promovidas dende o programa "O teu futuro en boas mans" que promove a Vicerreitoría de Estudantes.