A Universidade de Santiago distribúe mañá 250.000 exemplares dun novo número do seu boletín informativo

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 21 junio 2006 19:03

SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Santiago (USC) distribuirá mañá xoves cos xornais galegos 250.000 exemplares dunha nova publicación períodica con información de interese sobre a institución docente que se orienta cara ao público estudantil, dando conta das características da institución académica, así como dos servizos que oferta, con especial atención a cuestións de actualidade relacionadas co ensino superior.

A publicación, que con este número chega á súa terceira edición, foi presentada hoxe nun acto no que participaron o reitor compostelán, Senén Barro; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto; e o director do Gabinete de Comunicación da USC, Luis Celeiro, quen explicou polo miúdo os contidos da edición destacando a aposta da USC pola transparencia informativa.

Na presentación, Lourenzo Fernández Prieto subliñou que a publicación resposta á necesidade que as universidades teñen de "conseguir ser vistas como queremos que se nos vexa". Esta edición permite amosar os elementos diferenciais da USC, "unha institución para estudar, pero tamén para vivir". Nesta mesma dirección, o reitor compostelán avogou por seguir mantendo unha actitude de proxección da actividade universitaria cara ao exterior.

Así, o boletín abre as súas páxinas co inicio o vindeiro curso dos Programas Oficiais de Posgrao ou a expedición do Suplemento Europeo ao Título, xa que a USC se converteu na primeira universidade española que tramita este documento complementario ao título universitario.

Nas páxinas interiores desta publicación, o lector atopará a oferta académica da USC tanto para o Campus de Santiago como para o de Lugo, méritos destacados de estudantes e titulados pola institución compostelá ou os datos máis salientables das convocatorias de mobilidade estudiantil así como outras axudas xestionadas pola USC.

Os programas de prácticas promovidos pola propia universidade e o fomento do emprendemento son, xunto á relación de posgraos propios e doutoramentos e servizos, outros contidos que se ofrecen neste novo número.

Contenido patrocinado