SANTIAGO DE COMPOSTELA 1 Jun. (EUROPA PRESS) -
O Concello compostelá porá a disposición da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Consorcio da cidade os terreos do Castelo da Rocha para que ambas institucións leven a efecto as intervencións programadas para 2006. Ademais, autorízase o desenvolvemento dos traballos arqueolóxicos e da obra civil complementaria.
Estas accións regularanse ao abeiro do convenio que hoxe asinaron na sede do Consorcio o seu xerente, Xosé Manuel Villanueva Prieto, o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Segundo o acordo, o Consorcio da cidade de Santiago colaborará coa USC na execución da intervención denominada 'Castelo da Rocha' a realizar durante o ano 2006 cunha dotación económica de 100.000 euros. A nova campaña de excavacións arqueolóxicas, que continuarán poñendo en valor a antiga fortaleza medieval do arcebispado compostelano, acometerase ao longo deste verán.