Vicepresidencia investirá un millón de euros en obras de mellora dos centros de carácter social que xestiona

Actualizado: lunes, 6 marzo 2006 20:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Vicepresidencia da Xunta investirá un millón de euros para a mellora dos seus centros propios co obxectivo de paliar "as deficiencias máis urxentes" nas instalacións de residencias, centros de día e outros centros de maiores, de atención mulleres, menores, discapacitados e instalacións xuvenís xestionadas polo departamento de Anxo Quintana.

O secretario xeral e de Relacións Institucionais, Antón Losada, fixo este anuncio durante unha visita en Redondela ás dependencias da Asociación de Axuda ao Enfermo Psíquico Lenda. Segundo Losada, esta iniciativa vén ser a segunda fase dun "programa contra a desidia" para loitar contra o "abandono" no que se atopaban as infraestruturas herdadas do anterior Goberno, para o que xa se investira outro millón de euros nos últimos meses do 2005.

Dentro destas cantidades, á Provincia de Pontevedra correspóndenlle máis de 600.000 euros, 226.000 da primeira partida e máis de 300.000 desta segunda. A estes cartos hai que engadir outros 268.000 euros que foron investidos xa o ano pasado cos mesmos fins por parte das direccións xerais de Acción Social e Xuventude.

O obxectivo é por en valor as infraestruturas dependentes da Xunta, mellorando o catálogo de instalacións e servizos existentes como complemento do eixo fundamental do programa da Vicepresidencia, que é a creación e a aposta decidida por unha rede de centros propios.