O violinista estadounidense Mark Kaplan impartirá dúas clases maxistrais na Escola de Altos Estudos Musicais

Actualizado: lunes, 29 mayo 2006 22:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 May. (EUROPA PRESS) -

O violinista estadounidense Mark Kaplan, considerado pola crítica coma un dos principais intérpretes da súa xeración, impartirá mañá e o mércores dúas clases maxistrais aos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais.

O centro de especialización musical que xestiona o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) tamén dará a posibilidade a estudantes doutros centros, que asisten en calidade de alumnos oíntes, a estas sesións.

Kaplan domina un amplo repertorio que abrangue dende o Barroco á música contemporánea, que toca cun stradivarius de 1685 chamado "Marquis" por pertencer á familia da marquesa Spinola durante xeracións. Ao longo da súa traxectoria profesional, formou parte das principais orquestras de Europa e de EE. UU. -país no que actualmente imparte clases maxistrais na universidade de UCLA (California)- e tocou en auditorios de Europa, Asia e Oceanía.

Esta temporada actuará coa Royal Philarmonic Orchestra no Festival Hall, dirixido por Leonard Slatkin, coa Jerusalem Symphony Orchestra, a Orquesta Pablo Sarasate e a Malaysian Philarmonic Orchestra, ademais de continuar ofrecendo concertos de cámara como parte do trío Sequenza, que integra xunto ao chelista Colin Carr e á pianista Yael Weiss. Dentro do seu programa de Formación Permanente dirixido a ampliar e perfeccionar os coñecementos dos estudantes e músicos galegos, a Escola de Altos Estudos Musicais mantén aberto até o día 20 de xuño o prazo de inscrición no V Festival de Contrabaixo Ludwig Streicher, que se desenvolverá en Compostela do 3 ao 10 de xullo, así como o da vindeira edición bianual 2006-2008 do Curso de Composición que imparte en Santiago o catedrático e compositor Antón García Abril, para o que se admitirán solicitudes até o vindeiro día 26.