Xaime Bello (BNG) afirma que a creación das Galescolas cumpre a Lei e o PXLG

Actualizado: lunes, 15 mayo 2006 19:43

A CORUÑA, 15 May. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Deputación da Coruña, o nacionalista Xaime Bello, sinalou hoxe que o proxecto da Vicepresidencia da Xunta de crear unha rede de escolas infantís para primar a educación en galego nos primeiros anos do ensino, as Galescolas, responde ao "cumprimento" da Lei e o Plan Xeral de Normalización Lingua Galega (PXLG).

Bello lembrou hoxe que tanto a citada Lei, que data de 1983, como o PXLG, de 2004, foron aprobados por unanimidade e engadiu que neles "se sentan as bases para promover esta liña de actuación".

"O que sobran son debates innecesarios", indicou o vicepresidente da Deputación da Coruña en relación coa polémica suscitada en torno a una iniciativa que, na súa opinión, evitará os "prexuizos" e o "choque" dos nenos galego-parlantes cando acceden a escola.

Por outra banda, sinalou que o debate do Estatuto de Autonomía "abre oportunidades" para ir resolvendo algunhas das "eivas" que, dixo, hai no ámbito da normalización lingüística e incidiu na necesidade de que as adminstracións promovan esta normalización.

Ao respecto, recordou que o organismo provincial coruñés creou, co goberno de coalición PSdeG-BNG, a área de Normalización Lingüística que conta cunha partida de 550.000 euros para "revitalizar a língua", indicou.

Pola súa banda, a deputada responsable da área de Normalización Lingüística, Margarida Vázquez, lembrou que a Deputación da Coruña era o único organismo provincial en Galicia sen ter esta área de Normalización Lingüística.

Xunto coa creción da unidade técnica de normalización lingüística, da que nestes momentos se está artellando as funcións e competencias, salientou o apoio aos concellos neste ámbito, a través de axudas, "o que permitiu duplicar que os servicios deste tipo pasasen de 16 a 29 na provincia", apuntou.

A Deputación da Coruña suscribiu tamén o ano pasado un convenio de colaboración cos concellos para dar continuidade a esta colaboración e subvenciona campañas de dinamización doutras institucións. Co Concello de Santiago asinará en breve un convenio para editar un manual sobre a linguaxe administrativa.