A Xunta aboará 488.000 euros polos complementos de servizos extraordinarios que debía a 41 axentes policiais

Actualizado: jueves, 14 septiembre 2006 18:07

SANTIAGO DE COMPOSTEla, 14 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia autorizou hoxe a sinatura para o pagamento do complemento polos servizos extraordinarios correspondentes ao primeiro semestre do ano que debía, dende o pasado mes de xuño, a 41 axentes da Unidade Adscrita do Corpo Nacional de Policía ou Policía Autonómica.

O Sindicato Unificado de Policía (SUP), a Confederación Española de Policías (CEP), a Unión Federal de Policía (UFP) e o Sindicato Profesional de Policía (SPP) ameazaran con celebrar hoxe unha concentración ante o Edificio Administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago, pero desconvocárona ante o compromiso adquirido pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de que o pagamento atrasado se autorizaría hoxe.

Así, fontes da Administración galega confirmaron a Europa Press que hoxe se asinou a orde de pagamento, por un importe global de 488.000 euros, para aboar o complemento correspondente a 41 axentes e sinalaron que adoita haber "un pequeno atraso" nestas cuestións.

Pola súa banda, responsables do SUP recoñeceron que están satisfeitos co acordo, aínda que advertiron de que "esperan non ter o mesmo problema de atraso no seguinte semestre".