A Xunta "impulsará" a normalización do galego nas entidades locais, onde ve que os conflictos lingüísticos son "mínimos"

Marisol López di que en 2007 funcionará un Consorcio de Normalización Lingüistica composto por Xunta, deputacións, Fegamp e concellos

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 1 junio 2006 18:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Jun. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, "impulsará" este ano a normalización do galego nas entidades locais, ainda que sinala que os conflictos lingüísticos neste eido son "mínimos".

O conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López Martínez, asinaron hoxe, en Santiago, un acordo de colaboración en materia de normalización lingüística na Administración local de Galicia, que impulsará as actividades que potencien o uso do galego nos 315 concellos galegos e noutras preto de 40 entidades locais.

Segundo indicou o titular de Presidencia, os orzamentos dedicados a normalización lingüística nos concellos e nas deputacións increméntanse este ano un 50%, pasando dos 588.900 euros en 2005 aos 912.900 no exercicio actual. A Consellería de Presidencia achegará 282.476 euros e a Secretaría de Política Lingüística 630.424 euros.

Méndez Romeu destacou que a sinatura deste convenio supón "un impulso" para a normalización lingüística na vida cotiá da Administración local e cualificou de "magnifica noticia a normalidade do desenvolvemento da lingua no ámbito local porque se contrapón as proclamas dalgúns colectivos que pensan que estamos nun proceso retroceso".

Afirmou que en Galicia hai un número elevado de institucións locais e que, en datos estatísticos, os conflictos lingüísticos que poden existir "son puntuais e mínimos". Diferenciou entre a situación "nun plano político e xurídico" da que se da no uso real do galego nos procedementos da administración e no dereito dos cidadáns a recibir información na lingua que empreguen, onde asegurou "o número de queixas existentes é mínimo e non é significativo". En concreto, sobre o caso do Concello da Coruña, administración que ten sentenzas que lle obrigan a usar o topónimo oficial en galego, Méndez Romeu --quen fora concelleiro desta Corporación con Francisco Vázquez como alcalde-- advertiu de que no ámbito xurídico e no político dase o seu propio espazo de execución.

En canto ao uso da lingua galega por parte das administracións, asegurou que "non hai ningún tipo de reticencia nin prevención ao léxico que vai producindo a Secretaría Xeral de Política Lingüística e tanto os funcionarios como as corporacións dispoñen de instrumentos axeitados para levar adiante este proceso de normalización".

O conselleiro instou a que a "lingua deixe de ser obxecto de debate no plano político porque tampouco o é no plano social nin no funcionamento das institucións". Ademais fixo un chamamento "á reflexión dunha parte do país sobre a necesidade de superar este tipo de conflitos".

NOVO CONSORCIO

Pola súa banda, Marisol López Martínez cualificou a sinatura do convenio como "un paso cualitativo na promoción e na incorporación do galego entre o persoal das corporacións" cumprindo así cun dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).

López adiantou que "se están a iniciar os traballos para a creación dun Consorcio de Normalización Lingüística que aglutinará aos concellos, deputacións, FEGAMP e a Consellería de Presidencia para coordinar as accións formativas do galego". López precisou que deste xeito "os traballadores da Administración local poidan realizar o seu labor para que os administrados poidan exercer o seu dereito de que se lles atenda na lingua de Galicia".

Admitiu que ainda se está a iniciar o proceso de contactos para a constitución deste Consorcio, de xeito que admitiu que non estará en funcionamento ata 2007.

ACCIÓNS PARA A NORMALIZACIÓN

A secretaria xeral detallou distintas actuacións previstas no convenio asinado hoxeo como a creación de novos servizos municipais e provinciais de normalización lingüística e o mantemento dos xa existentes. Ademais impulsaránse campañas de normalización e emprego do galego nos documentos e instrumentos ofimáticos da Administración local, así como cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal destas entidades. Asemade, o acordo insta á elaboración das publicacións necesarias para a difusión de todas estas actuacións.

O texto do convenio asinado hoxe atribúe á Consellería de Presidencia a convocatoria das ordes de concesión de subvencións aos concellos para levar á práctica ditas accións. O acordo prevé a constitución dunha comisión de seguimento das actividades previstas con membros dos dous departamentos autonómicos asinantes.

Contenido patrocinado