SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 Jun. (EUROPA PRESS) -
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Mesa de Educación Rural traballarán nun modelo específico de planificación educativa do rural para ir cara unha política integradora.
Así o sinalou hoxe a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, nun encontro que mantivo con representantes da Mesa de Educación Rural, integrada polos sindicatos CC.OO., CIG, STEG e UXT; polos Movementos de Renovación Pedagóxica, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Nova Escola Galega.
Trala xuntanza, á que acudiron Alicia López de Nova Escola Galega; Celia Armesto de Preescolar na Casa; Ilda Lortes de STEG; Mª Ólida Vázquez da CIG; Miguel Ángel Jimeno de FETE-UXT; e Roberto Barral de CC.OO., Alicia López sinalou que lle presentaran á máxima responsable educativa autonómica as propostas e o traballo desenvolvido desde esta mesa a prol da defensa e mellora da educación no rural.
A representante de Nova Escola Galega destacou que a xuntanza coa conselleira de Educación fora "moi positiva" no senso de que coincidiron no enfoque que lle pretenden dar á educación rural. Así, Alicia López sinalou que a Mesa de Educación Rural "pretende que desde agora empece a traballar desde a defensa dun modelo de planificación educativa específico para o rural".
"Hai que ir cara unha política integradora de xeito que a educación se integre nun plano de desenvolvemento global do medio rural", salientou López. Este plantexamento integrador supón, segundo a representante de Nova Escola Galega, "traballar desde unha comisión que está a punto de poñerse en marcha no Parlamento".
Por outra banda, Alicia López manifestou que a Administración educativa lles asegurara que "o feito de pór acompañante no transporte escolar non levaría a unha redución do alumnado das escolas unitarias e ao seu conseguinte peche". Ademais, a representante de Nova Escola Galega salientou que a Consellería de Educación "promete que se van tomar medidas no regulamento de itinerancias" que afectan aos mestres itinerantes do rural.
A Mesa de Educación Rural representa un amplo abano de movementos de renovación pedagóxica, asociacións vinculadas ao traballo educativo no rural e organizacións sindicais que desde hai anos traballan e aportan iniciativas para valorizar e mellorar a calidade da escola no rural.