SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 Feb. (EUROPA PRESS) -
Os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mailas fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco darán a coñecer mañá sábado o gañador da XI edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, nun acto que se celebrará ás 12.30 horas na sede da Fundación Sotelo Blanco, en Santiago de Compostela.
O premio "Vicente Risco" está dotado con 6.000 euros para a obra gañadora, que publicará Sotelo Blanco Edicións segundo acordo cos organizadores do premio. Coa convocatoria deste galardón para textos inéditos nos que se estude o ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais --antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.--.
Con este galardón tanto os concellos de Allariz e Castro Caldelas coma as fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco pretenden homenaxear a figura de Vicente Risco e axudar asemade á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego.
O xurado estará composto por Teresa Devesa Graña, concelleira de Cultura do Concello de Allariz; Fernando Acuña Castroviejo, profesor da Universidade de Santiago; Luís Martínez-Risco Daviña, da Fundación Vicente Risco; Xusto Beramendi, profesor da Universidade de Santiago; e Francisco Fernández Rei, profesor da facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela e académico, que actuará como Secretario.