VIGO, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -
O colectivo que integran exmilitantes do PSdeG --entre outros grupos--, denominado Unidade da Esquerda Galega, entrou a formar parte do grupo Compromiso por Galicia, do que, á súa vez, forman parte Máis Galiza, Ecosocialistas e Acción Galega, co obxectivo de construír un novo proxecto nacionalista.
Esta integración foi anunciada este xoves en Vigo os responsables destas formacións nun acto no que o coordinador de Compromiso por Galicia e secretario xeral de Máis Galiza (partido escindido do BNG), Xoán Bascuas, avogou por unha política de caracterizada polo "diálogo" e a capacidade de sumar. Así, asegurou que Unidade da Esquerda Galega achegará a súa "bagaxe" dende o punto de vista das persoas e a súa estrutura como do seu pensamento e filosofía.
Pola súa banda, o responsable de Unidade da Esquerda Galega, Óscar Lomba, destacou que a súa formación ten tamén vontade de sumar" e que é "modesta", pero ten "vontade de contribuír a fortalecer" o proxecto de Compromiso.
Así, considerou que a situación actual necesita a construción dunha "nova forza moderna de esquerdas, transformadora", e valorou Compromiso como un proxecto dese tipo, polo que se sente "moi próximo" a el. "Decidimos integrarnos neste proxecto porque pensamos que recolle os intereses reais da cidadanía", agregou.
Lomba recordou que a formación que agora se integra en Compromiso naceu en 1994 con persoas que proviñan do Partido Obreiro Galego, Esquerda Galega e Unidade Galega, pero que permaneceu "inactiva" e se reactivou cando un grupo de 14 persoas abandonou o PSdeG por "diferenzas substanciais" de proxecto. Segundo explicou, a maioría dos membros da organización está en Vigo, aínda que tamén hai en Salceda de Caselas, Santiago de Compostela e outras localidades.
"PORTA ABERTA"
En relación aos procesos en marcha, no que tamén está inmerso o partido que lidera Xosé Manuel Beiras, o Encontro Irmandiño, Bascuas recordou que xa no seu momento Compromiso fixo chamamentos ao "diálogo e a participación con todo o mundo". "A porta xa estaba aberta, está aberta e estará aberta sempre", en alusión ás últimas palabras do histórico nacionalista, quen este mércores se mostrou favorable ao diálogo para a "confluencia" de ambos os dous colectivos , pero quen puxo a condición de que o proceso debe realizarse dende a cidadanía.
Na mesma liña, Óscar Lomba afirmou que Unidade da Esquerda Galega fai tempo que participa no Novo Proxecto Común --nome baixo o que se denominan as asembleas de base en que participa o Encontro Irmandiño como eixe central da súa actuación política-- e expresou que a súa vontade é que os dous proxectos leven a bo porto "a necesidade de confluír nun mesmo proxecto.
De feito, considerou que a integración en Compromiso anunciada este xoves é un paso co que quere "fortalecer os lazos entre os dous proxectos".
ENTRAR NO ELECTORADO DOUTRAS FORMACIÓNS
Pola súa parte, o responsable comarcal de Máis Galiza en Vigo, Eudosio Álvarez, asegurou que o proxecto da súa formación, que tamén forma parte de Compromiso, "non se quere parecer a moitas cousas que hai no panorama político" actual e precisou que a súa iniciativa "pretende entrar no electorado" de PP, PSOE e BNG.
"Non imos en contra de ninguén, porque o único dono do voto é o elector", asegurou Álvarez, quen considerou que chegar a crer que o voto é dun partido sería "unha confusión mortal".
O responsable comarcal de Máis Galiza avanzou ademais que a formación programará diversas charlas con colectivos que están a sufrir as consecuencias da crise, como os emprendedores, o ámbito da construción e a arquitectura ou os investigadores e persoas de alta formación universitaria que padecen a denominada 'fuga de cerebros'.
Así, concluíu que estes encontros se realizarán para "escoitar a voz" destes sectores da sociedade e aproveitar as súas propostas para realizar o seu programa electoral.