O Comité Antisida de Ferrol realizará unhas probas pioneiras en Galicia para detectar VIH en saliva

Actualizado: viernes, 16 julio 2010 21:01

Os test serán efectuados polo Comité Antisida Lazos e os resultados coñeceranse en 20 minutos

FERROL, 16 Jul. (EUROPA PRESS) -

O Comité Antisida Lazos de Ferrol presentou este venres o test que permitirá coñecer en apenas 20 minutos e cunha mostra tan só de saliva se se é portador do VIH, nunhas probas pioneiras en Galicia, que se realizarán de forma anónima e gratuíta.

O test ten un formato similar ao dunha proba de embarazo. Tan só precisa unha mostra de fluídos orais para detectar, cun 99% de fiabilidade, se a persoa é portadora de VIH de tipo 1 e 2, segundo informou o Comité Antisida Lazos. A proba realizarase de forma confidencial, tras solicitar cita previa con esta asociación.

Este tipo de test ten a particularidade de que non é necesario contar con profesionais sanitarios para realizalos. Aínda que a entidade indicou que conta con persoal proveniente do ámbito da saúde, comentou que só se precisa persoas capacitadas en 'counselling' para a realización da proba.

O servizo, que se presenta no marco dunha campaña denominada 'Proba de amor', ten un custo anual de 13.000 euros. A entidade sinalou que espera en recibir unha subvención da Consellería de Sanidade, por 10.000 euros, para continuar coa realización dos test.

USUARIOS

Este servizo, segundo comentou o comité, vai dirixido a todas as persoas que realizasen algunha práctica de risco en relación ao VIH, en especial, os homes que realicen prácticas homosexuais, e que son os que rexistran en Galicia o maior índice de transmisión --un 35,2% fronte ao 31,5% dos casos asociados a vía heterosexual--.

En Galicia, a predominancia da transmisión de infección por VIH dáse a través da vía sexual, no 73 por cento das mulleres e no 66 por cento dos homes, apuntaron.

En España estímase que entre 120.000 e 150.000 persoas están infectadas por VIH e unha cuarta parte, unhas 35.000, non o sabe, engadiron e agregaron que algúns estudios sinalan que a metade das novas infeccións son producidas precisamente por aqueles que descoñecen que son portadores do virus do Sida.

Co test a través de saliva, o Comité Antisida Lazos confían en contribuír a un diagnóstico precoz, ao evitar as reticencias de moitas persoas a realizar este tipo de probas recorrendo ao médico de cabeceira, xa que temen que se vulnere a súa confidencialidade ou que sexan identificados como seropositivos, explicaron.