O sinal da TDT non chega ao 10% da poboación da Fonsagrada un mes despois do apagamento analóxico, segundo o alcalde

Actualizado: viernes, 2 mayo 2008 19:34

LUGO, 2 May. (EUROPA PRESS) -

Case un mes despois de levarse a cabo o apagamento analóxico no municipio lugués da Fonsagrada, o pasado 5 de abril, o sinal da Televisión Dixital Terrestre (TDT) segue sin chegar a un dez por cento dos veciños desta localidade.

Así o confirmou hoxe o alcalde da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández, quen, non obstante, asegurou que se traballa para corrixir esta situación.

Ao respecto, Fernández apuntou a unha modificación en canto ás antenas, que consistiría neste caso en "subir un pouco máis a torre de Muradal". Ademais, constatou que se porá "algún pequeno micro máis para a zona de Freixo e no Val de Piñeira", lugares que presentan "sombras".

Tamén segundo agregou no Val de Burón "hai dous ou tres núcleos con problemas". "Trabállase niso, para buscar a mellor solución posible. A xente que estea tranquila que se vai solucionar todo", recalcou.

Deste modo, Fernández manifestou que confía en que para este verán se resolvera o problema e se poida ofrecer cobertura a todo o municipio e a toda a súa poboación.

Ao respecto, o alcalde xa falou coa empresa que leva este servizo, Retegal, para ir emendando estas dificultades. "Estamos a traballar de forma coordinada para que todo se solucione ben", concluíu.

O Concello da Fonsagrada foi o primeiro de España en que se experimentou o apagamento analóxico, o pasado 5 de abril, que en 2010 será xeneralizado.