Quintana pide a transferencia de tráfico a Galicia para que Pere Navarro "non soñe co pesimismo dos galegos"

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 5 julio 2007 16:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA 5 Jul. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, defendeu hoxe a transferencia a Galicia da competencia sobre tráfico porque, segundo dixo, as cousas "funcionarían mellor" e o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, podería "vivir moito máis tranquilo sen soñar co pesimismo dos galegos".

Nos últimos días Pere Navarro criticou "o pesimismo histórico" dos galegos que lles leva a pensar que non hai solución á alta mortalidade nas vías e, en consecuencia, a non buscar solucións. Tamén apuntou a que esta peculiaridade fai que os galegos pensen que as políticas de Madrid "non funcionarán".

Tras participar nun acto en Santiago, Quintana valorou hoxe estas declaracións e dixo que o responsable da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) "está a dar abundantes mostras, non só nesta ocasión, do que non se debe facer e o que non se debe de dicir". Opinou que en relación ao tráfico en Galicia Pere Navarro "demostrou un descoñecemento profundo" e instoulle a que "debería emendar o antes posible" esta situación.

"Se considera, ademais, que os galegos somos tan difíciles de gobernar nun aspecto como o tráfico eu doulle unha solución, que nos deixe gobernar a nós mesmos", aseverou o dirixente nacionalista.

O vicepresidente da Xunta animou ao director xeral de Tráfico a "que non se preocupe do noso pesimismo histórico nin das nosas continuas tribulacións" porque, recalcou, os galegos "somos capaces de vivir con elas e de gobernalas por nós mesmos". Así, pediu "que procedan á transferencia da competencia de tráfico e el poderá vivir moito máis tranquilo sen soñar co pesimismo dos galegos, e estou seguro de que para nós o tráfico funcionaría mellor".

Contenido patrocinado