A Cámara de Comercio de Santiago construirá un viveiro de empresas de I+D+i cun presuposto de 1,5 millóns

Funcionará "a pleno rendemento" en dous anos no polígono de Costa Vella coa colaboración de Incyde e terá unhas 10 compañías

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 11 marzo 2010 19:43

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Cámara de Comercio de Santiago asinou hoxe coa Fundación Incyde (Instituto Cameral de Creación e Desenvolvemento da Empresa) un convenio para a construción dun novo viveiro de empresas centrado na tecnoloxía e o apoio a oficios. Este proxecto, que conta cun presuposto dun millón e medio de euros, estará situado na mesma parcela comercial existen na incubadora actual do polígono industrial de Costa Vella.

Esta iniciativa dará cabida a un total de entre oito e dez empresas, as cales contarán con naves dunha superficie superior aos 100 metros cadrados, que nalgúns casos poderán chegar ata os 200.

En declaracións a Europa Press, o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, sinalou que a construción deste viveiro se debe a que "o viveiro de servizos xa existente quedaba coxo, polo que era necesario un apoio a empresas de oficios".

Neste sentido, Asorey subliñou que a intención do proxecto é facilitar a creación de estruturas "para o futuro emprendedor". Así, un millón de euros do presuposto total proveñen do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que a través do Incyde se fai chegar á Cámara de Santiago. O outro medio millón conseguirase con fondos propios da Cámara e outras institucións.

No acto da sinatura do convenio tamén estiveron presentes o director xeral da Fundación Incyde, Ángel Colomina; o director financeiro de Incyde, Juan Cabrera; e a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Compostela, Filomena Casal.

DENTRO DE DOUS ANOS

Segundo remarcou Asorey, o viveiro estará "a pleno rendemento" nun período "máximo" de dous anos para atender os emprendedores da cidade de Santiago e a súa bisbarra. Proximamente sacarase a concurso público o proxecto para a construción do viveiro.

Á hora de valorar os proxectos presentados, o viveiro ten en conta criterios como a viabilidade empresarial, a creación de emprego, o carácter innovador do proxecto, os medios financeiros dispoñibles e a formación do solicitante.

VIVEIRO VIRTUAL

Na actualidade atópase situadas no viveiro comercial 28 empresas, 14 con situación física e 14 que se atopan no viveiro virtual. En concreto, deste proxecto virtual benefícianse aquelas empresas que abandonaran a súa localización física no polígono ou aqueles emprendedores que se atopen na fase de proxecto da empresa.

Noutra orde de cousas, en outubro deste ano realizarase en Santiago unha concentración dos 84 viveiros que existen en toda España, os cales agrupan a máis de 1.600 empresas, todo iso coa intención de buscar relacións entre as empresas dos diferentes viveiros.

Contenido patrocinado