Cen pymes do sector das enerxías renovables implantarán ferramentas TIC para potenciar a súa competitividade

O proxecto Er-Innova conta con case un millón de euros do Feder, cos que busca impulsar a colaboración en I+D+i na Eurorregión

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 13 octubre 2009 19:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Oct. (EUROPA PRESS) -

Unhas 100 pequenas e medianas empresas (pymes) do sector das enerxías renovables portugués e galego implantarán ferramentas das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) co obxectivo de "mellorar" a súa competitividade e "lograr un tecido forte" na Eurorregión.

Baixo o lema 'A enerxía das TIC', o proxecto europeo Er-Innova consiste nun programa piloto de adopción de novas aplicacións, cunha primeira fase de análise --na que se identificarán necesidades "reais e específicas"-- e unha segunda de "deseño e desenvolvemento das ferramentas".

O xefe de filas desta iniciativa, que cofinancia o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) cun presuposto de case un millón de euros e coordina o Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, é o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).

Tamén son socios de Er-Innova a Asociación de empresas galegas dedicadas a internet e ás novas tecnoloxías (Eganet), a Fundación para o fomento da calidade industrial e o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia --a través da Oficina de programas internacionais de I+D+i-- e NET Novas Empresas e Tecnologias, S.A. - Business and Innovation Centre do Porto (NET-BIC Porto).

Segundo destacaron os participantes nun comunicado, a intención é "estender" a idea a "todo o sector das renovables" e, mesmo, "ser obxecto de transferencia a outros ámbitos de actividade, coas adaptacións necesarias".

Así, sinalaron que Er-Innova responde ao "interese" da Eurorrexión por realizar "unha importante contribución" ao obxectivo da Unión Europea de que, en 2020, o 20 por cento do consumo enerxético comunitario proceda de fontes renovables --fixado nunha directiva de 2009--.

ANÁLISE DA EURORREXIÓN

A primeira fase, en marcha, analiza a realidade económica da zona, da que os socios concluíron "un débil perfil innovador que leva consigo un lento aumento das taxas de emprego".

A partir deste estudio, viron "necesario" reforzar o tecido da Eurorrexión mediante o establecemento de "estruturas colaborativas entre todos os axentes involucrados na realización de proxectos de I+D+i".

Ademais, constataron que un dos ámbitos con "maior potencial" para a xeración de valor engadido "a medio prazo" é o das enerxías renovables, que permite unha "concienciación social sobre o respecto ao medio".

Por outra parte, "o reducido tamaño da grande maioría das empresas do sector das enerxías renovables colócaas nunha situación vulnerable", consideraron, o que cren que "dificulta a súa capacidade" para competir".

Neste sentido, apuntaron á dotación de ferramentas para a mellora da súa xestión e a modernización dos seus procesos como algo "fundamental" para, entre outros fins, acceder a "tódalas oportunidades de financiamento público". "As TIC son a arma máis efectiva ao servizo das empresas para potenciar a súa competitividade", incidiron.

XESTIÓN INTERNA E VENDA POR INTERNET

Así, unha segunda etapa de Er-Innova, que se desenvolverá entre este ano e 2010, procederá ao deseño e desenvolvemento das ferramentas, todas elas de código aberto.

O campo de actuación será, en primeiro lugar, o da xestión interna, a través de aplicacións de escritorio como sistemas de planificación de recursos empresariais e de administración da relación cos clientes.

Por último, o proxecto traballará en instrumentos destinados a fomentar a cooperación en I+D+i e a venda por internet, o resultado da cal será unha plataforma web para a articulación de proxectos colaborativos e para impulsar transaccións on-line.

Contenido patrocinado