Crean o Premio 'María Wonenburger' para recoñecer o labor de mulleres en campos científico e tecnolóxico

Actualizado: viernes, 13 julio 2007 16:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Unidade de Muller e Ciencia, órgano colexiado de asesoramento a varios departamentos autonómicos co que se pretende incrementar a presenza do colectivo feminino nos ámbitos científico e tecnolóxico, acordou hoxe a creación do Premio 'María Wonenburger' para recoñecer a traxectoria de mulleres que destaquen nestes campos, informou hoxe a Vicepresidencia da Xunta.

A secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, deu a coñecer hoxe o acordo adoptado no pleno deste órgano para a creación do galardón, cuxo nome pretende ser "unha homenaxe" á figura da matemática coruñesa María Wonenburger Planells.

María Josefa Wonenburger Planells (A Coruña, 1927) estudou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e, en 1953, trasladouse a Estados Unidos para especializarse en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale leu a tese de doctoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento, e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades --Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana)--.

Tamén asumiu a responsabilidade de ser directora de tese, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas. Tras a súa experiencia en Estados Unidos, regresou en 1983 á cidade de A Coruña, onde reside.