Crean un videoclub por Internet que permite ao usuario alugar ou comprar películas coa "calidade dun DVD"

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 24 abril 2007 12:57

Os creadores son tres mozos galegos que asinaron acordos con Filmax e están en negociacións con outras grandes distribuidoras

AMES (A CORUÑA), 24 (EUROPA PRESS)

Dous mozos e una moza galegos son os creadores dun videoclub por Internet que permite ao usuario alugar ou comprar películas coa "calidade dun DVD". Para iso xa asinaron acordos con Filmax e están en negociacións con outras grandes distribuidoras. Aspiran a que esta páxina web se converta nunha ventá de distribución para aqueles filmes que non atopan comercialización.

A idea xurdiu despois de analizar a situación que se estaba a crear co pirateo de películas a través de Internet, tanto para os usuarios, que non tiñan garantida a calidade do produto, ademais de actuar sen ningún respaldo legal; como para as propias distribuidoras, que non deixan de perder diñeiro co pirateo.

O proxecto, que se viu favorecido "polo aumento de velocidade das ADSL", vén a cubrir dalgún xeito ese grande oco que produce o pirateo. Tras un ano e medio de traballo tres novos emprendedores están detrás de www.videoclub.com.es, un lugar para comprar ou alugar películas pertencente ao grupo Nai, unha empresa que se dedica ao deseño web e ás solucións informáticas.

"O tempo de creación do proxecto, deseño e demais, foi de seis meses ou sete, o resto do tempo foi negociación con distribuidoras e codificación das películas", explicou a Europa Press Televisión Iñaki Villaverde, responsable do proxecto xunto a Alfredo Penalta e Jennifer Docampo. Tres novos emprendedores galegos que aínda non cumpriron os 30 anos.

FUNCIONAMENTO

Unha vez que o usuario se deu de alta na páxina e comprou os bonos que desexa, un pagamento que sempre se fai a través dunha entidade bancaria para garantir a seguridade e o segredo dos datos, pode alugar a película que desexe e que se atope no catálogo.

"Pode vela directamente no seu ordenador, a través de streaming, ou descargala no equipo e se se ten conectado ao televisor poder vela aí", explicou Iñaki Villaverde. Un aluguer que dura 48 horas. Pasado ese tempo "a película queda inutilizada".

En canto á venda, Videoclub.com.es "é pioneira" xa que se lle ofrece a posibilidade ao usuario de adquirir unha película "coma se a comprase nunha tenda calquera" xa que o que fai o cliente "é descargar o dvd e ese dvd é seu sen necesidade de estar suxeito a codificacións ou restricións en canto a licenzas".

VANTAXES

Ademais da comodidade que supón para o usuario poder alugar unha película en calquera momento do día sen saír de casa, outras das vantaxes do sistema ideado por estes novos galegos son a calidade das películas, "todas calidade DVD, e a facilidade de descarga", xa que coa liña de tres megas "en media hora tes a película no teu ordenador", explicou Iñaki Villaverde.

A día de hoxe, e grazas ao acordo asinado con Filmax, a páxina dispón dunhas 100 películas, aínda que "nos próximos tres meses o número ascenderá ás 500 películas". Ademais, hai outras grandes distribuidoras "coas que se está en negociacións" para poder sacar os seus produtos ao aluguer e venda.

Pero a páxina tamén está pensada para as pequenas distribuidoras "que non teñen tanta cabida no mercado e ás que lle ofrecemos outra vía de comercialización moi importante para eles", aseguran os creadores.

UNHA NOVA VÍA

Pero máis alá do aluguer e a venda de películas, na páxina tamén "haberá curtos, documentais, e mesmo series de televisión". Ademais, os creadores deste videoclub na rede prepararon a opción de dar cabida a contidos que non teñen comercialización. Así, ofrecen a posibilidade de que os propios autores manden os curtos e poidan a comercializar os de forma conxunta través desta web.

Biografías de actores, directores, comentarios de usuarios, así como un foro participativo e outras novidades que se irán anunciando, completan esta páxina pioneira en España que pretende dar unha solución ao problema do pirateo.

"Nós buscamos unha solución intermedia na que o usuario vai seguir utilizando internet pero dámoslle un mecanismo para poder facelo de xeito legal", indicou Iñaki Villaverde, quen resaltou que tamén se permite ter acceso a un produto de calidade.

A diferencia dun videoclub tradicional, www.videoclub.com.es permite aos usuarios poder acceder a películas descatalogadas que doutra forma sería imposible visionar, e "non ter que esperar a que devolvan a película, xa que o videoclub ten un número de copias limitado, algo que neste sistema non se produce,", concluíu.

Contenido patrocinado