SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Feb. (EUROPA PRESS) -
A empresa galega Health in Code, da Coruña, desenvolve un sistema para avanzar no diagnóstico de cardiopatías xenéticas, segundo informou a consellería de Innovación e Industria, quen achegou unha axuda de 126.058 euros a través do programa de Biotecnoloxía, Tecnoloxía Farmacéutica e Ciencias da Saúde do Plan Galego de I+D+i.
Health in Code é unha plataforma na que están rexistradas as mutacións xenéticas que provocan determinadas enfermidades cardiológicas e, a través dela, se extrae unha mostra procedente dun paciente para obter información xenética que permita diagnosticar unha posible miocardiopatía.
Trátase, indicou Innovación, dun sistema "rápido" e "económico" que se está a comercializar en todo o mundo con "moi bos resultados".
PREVENCIÓN FAMILIAR
As miocardiopatías familiares son enfermidades de base xenética que se transmiten de xeración en xeración e que presentan unha presentación clínica heteroxénea e unha evolución difícil de predicir.
Segundo Manuel Hermida, director técnico da empresa, son esas particularidades as que fan que sexa "especialmente interesante detectar a malformación xenética ou a mutación que as orixina". Estas doenzas están estreitamente relacionadas co mundo do deporte e coa morte súbita, de aí que a compañía recibise o Premio Nacional de Medicina Deportiva.
Este proxecto establece, ademais, unha ponte entre a investigación básica da xenética e a práctica clínica, xa que se dota os médicos de ferramentas baseadas no crecemento científico para tomar decisións sobre pacientes.
Health in Code naceu en 2006, impulsada polo Instituto de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e o Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela.