A empresa tecnolóxica galega LambdaStream lanza a primeira plataforma de televisión por internet en España

Permite a provedores distribuír os seus contidos en aberto ou de pagamento, sen infraestrutura propia e cunha audiencia mundial

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 4 mayo 2007 14:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

A empresa tecnolóxica galega LambdaStream puxo en marcha a primeira rede de TV por internet en España, denominada YouLike.TV, que permite distribuír un número ilimitado de servizos de televisión a través dun descodificador IP ou do ordenador.

YouLike.TV é unha plataforma de distribución de servizos de televisión en internet que permite aos provedores distribuír os seus contidos, tanto en aberto como en modalidade de pagamento, sen necesidade de infraestrutura propia e cunha audiencia mundial.

A rede, deseñada e operada por LambdaStream, xa distribúe catro canles de televisión por internet (www.canaldeportivo.tv, www.coruna.tv, www.mundosdigitales.tv e www.culleredo.tv) e ten previsto aumentar a súa oferta nos próximos meses. Esta rede de televisión por internet representa un complemento máis ao desenvolvemento da televisión (e radio) dixital terrestre, xa que permite chegar a aquelas zonas non cubertas pola TDT.

Con YouLike.TV, LambdaStream convértese na primeira empresa tecnolóxica en realizar o outsourcing dunha rede de televisión por internet, o que, segundo explicou o director comercial da compañía, Jesús Fernández, "permite aos provedores despregar os seus servizos de televisión por internet de forma rápida e efectiva, sen ter que realizar grandes investimentos para poñelos en marcha, xa que nós subministramos a infraestrutura necesaria".

Ademais, YouLike.TV favorece o desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados en novos oportunidades publicitarias, subscrición ou micro-pagamentos por visión ou descarga, tenda en internet e servizos de valor engadido, entre outros.

SERVIZO

O servizo componse dunha Rede de Distribución Multimedia, baseada na plataforma de vídeo baixo demanda de LambdaStream, VoDKA, con alta capacidade de almacenamento e streaming e con todo tipo de estatísticas dispoñibles; e de Xestión Intelixente de Activos, que permite aos provedores de televisión por internet transcodificar contidos e xestionar os seus activos cos sistemas máis avanzados.

Tamén conta cun portal de internet e IP TV, co middleware aberto que posibilita un "rápido" despregamento de portais de TV por internet e TV sobre IP compatible con calquera tecnoloxía ou protocolo.

YouLike.TV é compatible con todos os estándares e soporta todo tipo de protocolos (3GPP, TSolverIP, RTP, HTTP, MMS), tecnoloxías (Windows Media, Flash Media, Real, MP3, MP4) e contidos (baseados na web, multimedia, arquivos xenéricos).

PLAN DE DESENVOLVEMENTO

Así mesmo, a empresa galega informou da posta en marcha dun "ambicioso plan de desenvolvemento" que se plasmará coa próxima apertura de varias oficinas internacionais en Madrid, Rusia, Singapura e Oriente Próximo. Ademais, LambdaStream negocia con varios investidores privados para dar entrada a novos socios no seu conxunto de accionistas, nun proceso que se completará en maio ou xuño e que reforzará a posición de liderado da compañía.

Lambdastream é un provedor de tecnoloxía para TV móbil, TV por Intenet, TV sobre IP e cable, Broadcast TV e Carteleira TV (Billboard TV), que ten a súa sede na cidade herculina. A compañía empezou a operar en 2003 como 'spin-off' do grupo MADS da Universidade de A Coruña.

Apoiada pola Universidade da Coruña e a Xunta de Galicia, a través de axudas ao Plan Galego de I+D+i, LambdaStream destaca como empresa líder en Vídeo Baixo Demanda (VoD). Ademais, ofrece produtos complementarios como BMX para contido programado; e Antares, para xestionar e xerar Guías de Servizo Electrónico.

Contenido patrocinado