SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 May. (EUROPA PRESS) -
Promotora Orxeira pretende revalorizar no mercado os produtos elaborados con variedades do millo galego, polo que está a investigar técnicas para o procesado e a conservación do gran.
Coa colaboración da Misión Biolóxica de Galicia, cultiva millos ecolóxicos cos que estudará as técnicas para o envasado, posibilitando novas liñas de negocio dirixidas cara ás pemes e consumidores. Ademais, a Consellería de Innovación concedeulle unha axuda de 40.124 euros.
Segundo Arsenio Landa, investigador principal do proxecto, a novidade radica en tres factores: na profundidade do estudio sobre a conservación do millo, no feito de utilizar técnicas ecolóxicas para o seu cultivo e en que non só se orienta á investigación senón que ten unha vocación industrial.
O traballo continúa un anterior sobre os millos autóctonos galegos, no que se seleccionaron, debido ao seu alto valor agronómico, catro variedades coas que comezar unha liña de produción. Os lugares de cultivo destas son Sarreaus, na provincia de Ourense; e Tui, Tebordáns e Meiro, na de Pontevedra.
Non obstante, para elaborar produtos e para a súa distribución comercial era preciso traballar sobre os métodos para o tratamento da materia prima e para a súa conservación. Co proxecto actual Orxeira responde a esta necesidade de deseñar un sistema de procesado e de envasado de millo e dos produtos derivados, que garanta a conservación da calidade, así como a saúde do gran e a seguridade alimentaria.
CONXELACIÓN ULTRARRÁPIDA.
Tras a primeira fase, na que se cultivou millo seguindo as técnicas da bisbarra de A Baixa Limia e se obtivo semente das variedades coas que se fará o ensaio, o seguinte paso será acometer as primeiras probas de conxelación ultrarrápida.
A investigación comeza nas rutinas do cultivo, xa que se estudarán a influencia da variedade usada, da data da recollida, das condicións ambientais e do método de conservación na calidade e na saúde do gran. Para a eliminación de pragas compararanse diversas temperaturas e tempos de conxelado e diversos métodos de envasado.
Actualmente estúdanse tres opcións para a conservación do gran: facelo de xeito tradicional en canastros, conservalo en cámaras frigoríficas ou envasalo ao baleiro despois dun proceso de conxelación. A análise dos resultados de todas estas variables servirá para definir o modelo.
No proxecto, a Misión Biolóxica de Galicia deseña os experimentos, analiza os datos e proporciona a semente necesaria para iniciar o traballo. Á empresa correspóndelle os traballos de cultivo, recollida e procesamento de mostras. A interpretación dos resultados será unha tarefa común entre as dúas entidades, que tamén traballarán de forma conxunta na difusión das conclusións entre os agricultores, as empresas agroalimentarias e a comunidade científica.
Os responsables da iniciativa sinalan que o obxectivo é que produtos que constitúen unha singularidade da gastronomía galega, como son o pan de millo ou as empanadas, poidan ser fabricados e comercializados con criterios de calidade e de rendibilidade.