Facet Ibérica e a USC participan nun proxecto estatal para reducir os gases de efecto invernadoiro

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 14 enero 2008 19:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA 14 Ene. (EUROPA PRESS) -

A empresa Facet Ibérica e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) representan a Galicia nun proxecto de ámbito estatal, con 15 entidades lideradas por Repsol YPF, para desenvolver unha tecnoloxía que contribúa á redución de gases de efecto invernadoiro.

O proxecto CÉNIT Biodiésel tamén pretende fomentar a diversificación de fontes de enerxía para diminuír a dependencia de importacións de produtos petrolíferos. A iniciativa iniciouse hai un ano e está previsto que finalice en 2009.

O traballo abrangue toda a cadea de valor do biodiésel, entendido como o conxunto de produtos derivados de materia prima vexetal ou animal que poden empregarse como substituto ou complemento dos gasóleos.

Cada unha das empresas participantes está asociada a un equipo de investigación. Así, Galicia estará representada por Facet Ibérica e polo Grupo de Ecoeficiencia da USC, que dirixe o profesor Manuel Bao Iglesias.

O investigador, catedrático de Enxeñaría Química, explicou que esta iniciativa do Ministerio de Industria engloba toda a I+D relativa á introdución do biodiésel en España, seguindo as directrices fixadas pola Unión Europea.

"Trátase de desenvolvemento todo o que ten que ver coa produción de biodiésel a partir de aceites vexetais e graxas animais, coa xestión deste biocombustible e mesmo cos procesos de transformación axeitados para a súa obtención", apuntou.

SUBSTITUÍR CARBURANTES TRADICIONAIS.

Manuel Bao Iglesias lembrou que o obxectivo da Unión Europea para 2010 é substituír aproximadamente o 12 por cento dos carburantes tradicionais que se empregan nos automóbiles e demais equipos de autopropulsión por biocombustibles, entre estes o biodiésel.

Para este investigador, "non se trata só cumprir o Protocolo de Kioto para reducir as emisións de dióxido de carbono, senón tamén de reducir a dependencia enerxética do exterior". Ademais, está convencido de que con esta tecnoloxía "mellorará o ambiente urbano e, polo tanto, a salubridade da poboación".

Contenido patrocinado