O portal 'ByGalicia' buscará ser "a marca" para a internacionalización de empresas e para captar investimentos

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 18 julio 2007 14:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA 18 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Industria impulsa o portal 'ByGalicia' co obxectivo de que se converta "na marca de país" para a internacionalización das empresas galegas e para a captación de inversión no exterior.

Esta ferramenta, que nace con datos de 70.000 empresas galegas distribuídas por sectores e que será permanentemente actualizada, proporciona servizos ás empresas par aumentar a súa presenza no exterior e para mellorar as súas relacións con entidades foráneas, ademais de facilitar aos investidores internacionais a identificación de Galicia e a visualización das súas potencialidades.

Na presentación desta iniciativa, desenvolvida pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, salientou que Galicia presenta "interesantes capacidades tecnolóxicas" e advertiu de que na actual economía global "importa máis o concepto de 'made by' que o de 'made in' ao identificar as potencialidades dun lugar.

Blanco anunciou que o portal incorporará pouco a pouco "información sobre localización exterior de materias primas", cuxa compra "poida interesar ás empresas galegas", así como outras iniciativas e funcionalidades que sexan de utilidade no ámbito da internacionalización.

MULTIPORTAL

O responsable de Industria tamén subliñou que se trata "dunha ferramenta con publicación multiportal", de forma que dentro do mesmo portal as empresas teñen capacidade de crear os seus propios. O deseño foi realizada pola empresa Igalia, cun orzamento que superou os 180.000 euros.

Ademais, ten capacidade multiidioma, que a consellería considera esencial no caso das relacións internacionais, ademais de reunir de forma accesible e clara todas as seccións e funcionalidades do portal, que ten en conxunto máis de 600 páxinas en tres idiomas.

Na súa presentación práctica, Fernando Blanco referiuse a seccións específicas do portal como as de 'Iniciación á internacionalización', que incorpora unha guía de claves para orientarse e enfrontarse a este reto, ou a de 'Oportunidades de negocio', que dispón de información dos sectores empresariais galegos.

O conselleiro concluíu que se está a preparar unha campaña de comunicación para dar a coñecer esta ferramenta que insistiu en que o seu obxectivo é que será "o portal de internacionalización de Galicia".

Contenido patrocinado