Sae á venda o aceite con "propiedades saudables" Olei realizado cun tipo de oliveira galega desaparecida

Invatia recuperou unha variedade autóctona mediante técnicas de estaquillado nas súas plantacións de Tecnópole e Xinzo (Ourense)

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 7 marzo 2010 17:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 (EUROPA PRESS)

A empresa galega Invatia Research saca ao mercado o aceite de oliva virxe Olei, que conta "con propiedades saudables" e se realizou despois de tres anos de investigación na recuperación de oliveiras autóctonas galegas.

Un informe ao que tivo acceso Europa Press recolle que Invatia traballou na incorporación dunha variedade autóctona que existía no pasado na Comunidade Autónoma, co obxectivo optimizar a súa adaptación ao entorno a través de factores ambientais e bioclimáticos.

Para a produción deste viveiro de oliveira galega empregáronse técnicas de propagación por estaquillado, que consisten na toma de porción dunha planta e conseguir que poida emitir raíces para xerar un novo exemplar.

Todo iso se realiza ao amparo de técnicas de cultivo sostible co fin de ofrecer un produto beneficioso para o organismo humano debido ás súas condicións antioxidantes e propiedades como a vitamina E, que actúa contra o colesterol.

Deste xeito, a promotora deste proxecto, María Vázquez, define este aceite "de categoría superior", o cal conta cun aroma "singular, fragrante e afrutado" que provén de olivas galegas obtidas das bisbarras de Quiroga, Valdeorras e Xinzo de Limia.

NOVA GASTRONOMÍA

Por outra banda, Invatia recalca que Olei reflicte "a nova xeración da gastronomía galega", xa que a través da busca da tradición con oliveiras autóctonas de "tempos afastados" se pretende ofrecer un produto moderno.

Nesta liña, o proceso de recollida das olivas realízase dun xeito manual, mentres que a elaboración do aceite se realiza nunhas modernas instalacións que segue diversos controis de calidade.

Ademais, a empresa analiza tamén a posibilidade de aproveitar subprodutos das plantacións de oliveira e do seu procesado para reutilizalos en alimentación animal ou xeración de enerxía.

PLANTACIÓNS

Na actualidade, Invatia Research conta con plantacións produtivas na bisbarra de Xinzo de Limia que se atopan en fase de expansión, grazas aos "excelentes" resultados produtivos alcanzados na primeira fase da plantación.

Xunto a esta, conta cunha plantación experimental de máis de 6.000 metros cadrados situada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), onde a empresa desenvolve labores de investigación e optimización de oliveira galega.

Neste proxecto traballa un equipo multidisciplinar conformado por biólogos e enxeñeiros químicos e agrónomos, á fronte do que se atopa a promotora María Vázquez.

Contenido patrocinado