Stephen Hawking cre que o futuro humano está no espazo ao ver difícil evitar un desastre na Terra

Alerta de que a "baixa estima" da ciencia e os científicos está a ter "serías consecuencias"

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 24 septiembre 2008 16:30

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Sep. (EUROPA PRESS) -

O científico británico Stephen Hawking, recoñecido polos seus traballos sobre os buratos negros no Universo, está convencido de que "o futuro a longo prazo da raza humana será no espazo", pois considera que "xa será moi difícil" evitar un desastre no planeta Terra "nos próximos cen anos, non xa nos próximos mil ou un millón de anos".

Nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela, na que contestou in situ a 12 preguntas -a pesar de que a súa media nestes actos cos medios é de seis dado que a súa velocidade é dunha a dúas palabras por minuto debido á súa esclerose lateral amiotrófica-, Hawking alertou de que os humanos "non deberían poñer todos os seus ovos na mesma cesta, ou no mesmo planeta".

Por iso, expresou o seu desexo de ir ao espazo porque quere "alentar os voos espaciais tripulados" porque insistiu en que no futuro os humanos deberá transcorrer no espazo. "Se a raza humana debe continuar durante outro millón de anos, teremos que ir, sen vacilación, onde ninguén foi antes", asegurou.

Este prestixioso científico recordou que a experiencia coa Estación Espacial Internacional "mostra que é posible que os seres humanos sobrevivan durante meses afastados da Terra", pero engadiu que "a gravidade cero a bordo provoca numerosos e indesexables cambios psicolóxicos e debilitamento dos ósos".

Así, apuntou que sería desexable unha base a longo prazo para que puidesen estar nun planeta ou unha lúa e apuntou que "perforando a superficie se conseguiría illamento térmico e protección" fronte a meteoritos e raios cósmicos". "O planeta ou lúa podería servir tamén como fonte de materias primas que serían necesarias se a comunidade extraterrestre tivese que automanterse independentemente da Terra", indicou.

MELLORAR A RAZA HUMANA

Sobre a evolución da raza, manifestouse "seguro" de que durante o próximo século se descubrirá como modificar, tanto a intelixencia, como instintos tales como a agresividade". Non obstante, alertou de que algúns non resistirán a tentación de mellorar características humanas como o tamaño da memoria, a resistencia ás enfermidades ou a duración da vida".

"Unha vez que aparezan tales superhumanos haberá problemas políticos graves cos humanos non mellorados, que serán incapaces de competir. Presumiblemente morrerán ou converteranse en irrelevantes. No seu lugar haberá unha raza de seres autodeseñados que se mellorarán a si mesmos a ritmos cada vez maiores", insistiu.

Por outra banda, Stephen Hawking advertiu de que "a baixa estima" na que se ten á ciencia e aos científicos "está a ter serias consecuencias", pois se vive nunha sociedade "crecentemente gobernada pola ciencia e a tecnoloxía e, non obstante, cada vez menos xente desexa meterse en ciencia".

INTERESAR AOS NENOS NA CIENCIA

Afirmou que, "como un pequeno paso para enfrontar isto", a súa filla Lucy e el escribiron un libro para nenos -'A clave secreta do Universo'- para alentar ás novas xeracións a interesarse por ao ciencia. "Non haxa nada como a emoción do descubrimento, cando atopas algo que ninguén antes coñecía", quixo transmitir aos máis novos.

Preguntado sobre se as persoas seguirán necesitando deuses no futuro, Hawking dixo que os físicos cren que o Universo está gobernado por leis científicas, "que deben cumprirse sen excepcións ou non serían leis". "Isto non deixa moito espazo para milagres ou para Deus", argumentou.

En canto a se hai experiencias de poder viaxar no tempo, puxo como exemplo que "se se puidese volver a 1475, cando naceu Fonseca, soamente se podería observar o seu nacemento porque non se podería cambiar a historia". "Pódese entender o que pasou, pero non volver Fonseca nacese", seguiu co seu símil.

Contenido patrocinado