SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Sep. (EUROPA PRESS) -
O prestixioso científico británico Stephen Hawking iniciará o luns unha estancia de varios días en Santiago de Compostela, onde nesa mesma tarde recibirá o pergamiño de Visitante Ilustre da capital galega e o sábado recollerá o Premio Fonseca 2008, que se entrega por primeira vez.
O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, destacou hoxe esta importante visita, que recoñeceu está coordinada desde a Universidade de Santiago de Compostela (USC), pero que responde ao patrocinio do Consorcio de Santiago tanto no Premio Fonseca como no Programa Conciencia.
Tras aceptar o Premio Fonseca, Stephen Hawking decidiu visitar a capital de Galicia durante varios días, en concreto, desde o vindeiro luns e ata o sábado, segundo a información facilitada polo Concello de Santiago e a USC.
PEREGRINACIÓN
O luns comezan os actos previstos, de forma que ás 16.30 horas Stephen Hawking acudirá ata o Parque de San Lázaro, situado á beira do Palacio de Congresos, onde descubrirá unha placa conmemorativa da súa visita. O acto estará presidido polo alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.
A continuación, sobre as 17.30 horas, o rexedor recibirá a Stephen Hawking no centro da Praza do Obradoiro, punto de culminación do Camiño de Santiago. Como culmen desta singular peregrinación, Sánchez Bugallo entregaralle entón o pergamiño que acredita ao científico como Visitante Ilustre da Cidade. Para finalizar a xornada, está prevista unha visita á Catedral de Santiago.
Así mesmo, está previsto que durante a súa estancia en Galicia o recoñecido investigador sobre os buracos negros no Universo e polo seu papel de divulgador científico manteña encontros con estudantes, profesores e investigadores. Tamén presentará o seu último libro 'A clave secreta do universo'.
Na tarde do sábado, nun acto no Palacio de Congresos de Santiago, Stephen Hawking converterase no primeiro científico en recoller o Premio Fonseca 2008, que recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia e resalta o valor do interese e a capacidade de mostrar á sociedade a necesidade e a beleza do coñecemento de modo sinxelo e atractivo.