Unha empresa galega mostra na Universidade de Vigo unha lousa dixital para acceder ás clases por Internet

Actualizado: jueves, 24 abril 2008 21:59

VIGO, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega Pronor Ingenieros presentou hoxe aos docentes da Universidade de Vigo unha lousa dixital interactiva que permite aos alumnos ter acceso ás clases a través de Internet, en tempo real, ao tempo que ofrecerá ao profesorado unha ferramenta para mellorar a interactividade nas leccións.

O sistema foi presentado hoxe na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, dentro do 'Seminario de aplicación de novas tecnoloxías ao Espazo Europeo de Educación Superior: facilitando a tarefa docente' e está pensado para que un alumno poida acceder ao ensino "dende calquera parte do mundo" ou nos casos nos que non pode acudir de forma presencial, por causas de enfermidade, entre outras.

Ademais, o mecanismo tamén permitirá que os estudantes aos cales lles queden poucas materias para rematar a carreira, poidan rematala sen necesidade de acudir de forma presencial á facultade, posto que, ademais de asistir ás leccións en tempo real, poderán descargarse arquivos coa correspondente información que inclúa o profesor.

Pola súa banda, os docentes contarán cunha ferramenta coa que poderán realizar modificacións ao longo da súa exposición, incluír documentación e usar como sala de conferencia para compartir opinións con outros centros.

Segundo explicou o responsable de Pronor Ingenieros, José Luis Díaz, esta lousa supón unha solución "doado de utilizar e economicamente asumible para a Universidade, xa que está baseada no software gratuíto". Así mesmo, explicou que esta nova tecnoloxía "é moito máis barata" de implantar que o método de videoconferencia, que se intenta implantar co proceso de Bolonia, e ademais "ofrece máis posibilidades".