SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 Dic. (EUROPA PRESS) -
A implantación dunha rede de Wi-Fi e a utilización de terminais móbiles PDA mellorará a trazabilidade e a xestión dos produtos pesqueiros da empresa Armadores de Burela S.A. (ABSA), o que lle permitirá un aforro á compañía en tempo e custos.
O director xerente de ABSA, Miguel Neira, explicou "que esta solución implica unha diminución na realización de tarefas manuais" e, con iso, "no número de erros". De igual forma, destacou "unha redución de custos, derivada do aforro de tempo e de materias primas".
A solución inarámica, que foi desenvolvida por Emetel --empresa galega especializada en enxeñaría de redes e comunicacións-- permite implementar un sistema de rexistro electrónico das pesaxes e das vendas das poxas.
Así, a través de terminais móbiles PDA dotados de lectores de código de barras garántese a trazabilidade dos produtos" e recóllense os datos de cada unha das caixas: especie, peso, prezo, data e lugar de captura.
Con iso, os vendedores da lonxa poderán conectarse á rede da súa compañía e rexistrar as vendas nas súas aplicacións, así como asociar cada caixa ao seu comprador ou imprimir a factura "sen necesidade de desprazarse á área de oficinas".
Neira subliñou a "prioridade" da súa compañía pola instalación de novas tecnoloxías, e describiu este proxecto conxunto con Emetel como "un primeiro paso" para desenvolver futuras aplicacións telemáticas.